SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Un conto infantil promovido por Sogama ensina aos pequenos as vantaxes da compostaxe

Print this pagePrint this page
  • Leva por título “Aqueles monstros anciáns que viven baixo a terra” e enmárcase no proxecto europeo Res2ValHum, co que se pretende poñer en valor a materia orgánica contida nos residuos urbanos.
  • A través duns simpáticos microorganismos que viven baixo terra (Rufo, Pedro e Coco), enxálzanse os beneficios que este abono natural ten para o medio ambiente ao aportar nutrientes de alta calidade para plantas e cultivos que logo serven de alimento a animais e persoas.
  • Cun enfoque lúdico e didáctico, e utilizando debuxos orixinais e inéditos, os nenos descobren un novo mundo de posibilidades, adentrándose plenamente no concepto de economía circular, baseado no máximo aproveitamento dos produtos e a transformación dos residuos en recursos.
  • Res2ValHum é un proxecto de cooperación transfronteiriza integrado no programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, e no que participan un total de 7 socios (4 portugueses – Universidade do Minho, Lipor, Braval e CVR- e 3 galegos –Sogama, USC e CVAN).

Cerceda, a 11 de febreiro de 2019.- Co título “Aqueles monstros anciáns que viven baixo a terra”, sae á luz un conto infantil promovido por Sogama, co apoio da Consellería de Medio Ambiente, a través do cal o proxecto europeo Res2ValHum, no que participa esta empresa pública en calidade de socio, ensina aos pequenos os pormenores e bondades da compostaxe.

Coa axuda de Rufo, Pedro e Coco, uns simpáticos microorganismos que viven baixo a terra, onde invisten o seu tempo comendo restos orgánicos que logo converten nun slime máxico que se chama compost, enxálzanse os beneficios que este abono natural ten para o medio ambiente ao aportar nutrientes de alta calidade para plantas e cultivos que logo serven de alimento a animais e persoas.

De feito, ver as plantas crecer constitúe o mellor premio para estes tres simpáticos personaxes, os cales animan aos nenos a facer compost no cole ou na aldea, e invítaselles a que, cada vez que sobre comida nos seus fogares, se acorden de Rufo, Pedro e Coco, que os estarán esperando coa boca aberta.

Con esta publicación preténdese poñer en valor as posibilidades que a compostaxe ofrece ao permitir a transformación da materia orgánica contida nos residuos nun abono natural con alto poder fertilizante, permitindo pechar o círculo de aproveitamento da mesma ao devolvela á terra.

Así, e desde unha dimensión lúdica e didáctica, con debuxos orixinais e inéditos, os nenos descobren un novo mundo de posibilidades, adentrándose plenamente no concepto de economía circular, baseado no máximo aproveitamento dos produtos e a transformación dos residuos en recursos.

Este conto, editado en formato dixital, farase chegar a todos os centros escolares de infantil e primaria de Galicia, permanecendo a disposición dos interesados en www.sogama.gal.

SOBRE RES2VALHUM

Res2ValHum é un proxecto de cooperación transfronteiriza integrado no programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, e no que participan un total de 7 socios (4 portugueses e 3 galegos). Por parte de Portugal, a Universidade do Minho, que asume o seu liderado, sendo o principal beneficiario, o CVR (Centro de Valorización de Residuos), LIPOR (Servizo Intermunicipalizado de Xestión de Residuos de Grande Porto) e BRAVAL (Valorización e Tratamento de Residuos Sólidos, S.A). E, por parte de Galicia, SOGAMA (Sociedade Galega do Medio Ambiente), USC (Universidade de Santiago de Compostela) e CVAN (Centro de Valorización Ambiental do Norte, S.L)

O principal obxectivo desta iniciativa é enxalzar as vantaxes asociadas á recuperación da materia orgánica mediante a súa transformación en compost, con amplas posibilidades, non só na actividade puramente agrícola ou como remediador de solos contaminados, senón ata no ámbito da cosmética e accións terapéuticas diversas.

Entre outras actividades, o proxecto inclúe a caracterización dos residuos orgánicos producidos en Galicia e Norte de Portugal, a avaliación e optimización do compost xerado a fin de incrementar o seu contido en sustancias húmicas, tendo en conta o seu perfil químico e actividade biolóxica, e a valorización do mesmo para incrementar as súas utilidades. Así mesmo, representa unha magnífica oportunidade para estreitar lazos a ambos os dous lados da fronteira, intercambiar experiencias e coñecementos para avanzar cara a unha xestión máis sostible dos residuos.

Dotado cun orzamento superior aos 2 millóns de euros, Res2ValHUm estará en vigor ata setembro de 2019.

Enlace descarga conto:

http://www.sogama.gal/sites/default/files/Cuento%20gallego%20baja.pdf

Saúdos, Departamento de Comunicación

11 Feb 2019

Galería