- Elaborado no marco do proxecto European Topic Centre on Circular Economy and Resource Use (ETC-CE), sostén que a transición circular non debe limitarse a criterios ambientais ou de eficiencia de recursos, senón incorporar tamén elementos de equidade social e gobernanza participativa
Cerceda, 11 de maio de 2026.- Un novo informe elaborado no marco do proxecto European Topic Centre on Circular Economy and Resource Use (ETC-CE) expón a necesidade de incorporar indicadores sociais e mecanismos de participación para avanzar cara a unha economía circular “xusta e inclusiva”.
Baixo o título “A Just Transition to a Circular Economy: Operational Framework and Indicators”, o documento desenvolve un marco operativo destinado a avaliar as implicacións sociais das estratexias circulares; un ámbito que, a xuízo dos seus autores, continúa a ser pouco abordado nas políticas e ferramentas actuais.
Segundo a análise, os indicadores relacionados con traballadores e consumidores están relativamente desenvolvidos, mentres que outros, coma o impacto sobre as comunidades locais, a participación social na toma de decisións ou as implicacións para os distintos actores das cadeas de valor, presentan importantes carencias.
Os autores tamén identifican lagoas metodolóxicas e de datos en cuestións vinculadas ao traballo informal, os dereitos dos pobos indíxenas, o patrimonio cultural e a participación cidadá. Consideran que estas dimensións continúan escasamente representadas nos marcos de avaliación actuais da economía circular.
O informe sostén que a transición circular non debe limitarse a criterios ambientais ou de eficiencia de recursos, senón incorporar tamén elementos de equidade social e gobernanza participativa. Para isto, propón desenvolver enfoques específicos por sectores, adaptando os indicadores ás características de cada cadea de valor.
Así mesmo, subliña a necesidade de mellorar a dispoñibilidade de datos, fortalecer os métodos de análises e aumentar o compromiso institucional para garantir que as políticas de economía circular integren obxectivos sociais, xunto aos ambientais.
Os autores consideran que avanzar en ferramentas de avaliación social será clave para asegurar que a transición cara a modelos circulares non xere novas desigualdades e contribúa a unha transformación máis inclusiva dos sistemas produtivos e de consumo.
Fonte: Residuos Profesional