- O primeiro informe de mercado elaborado por ESWET conclúe que o sector evoluciona cara a un modelo baseado na modernización de instalacións, a captura de carbono e o aproveitamento de novas oportunidades en mercados emerxente
- A valorización enerxética deixa de concibirse unicamente como unha solución para a xestión do rexeitamento e pasa a desempeñar un papel crecente dentro das estratexias industriais de economía circular e transición enerxética
Cerceda, 21 de xullo de 2026.- Segundo o primeiro Waste-to-Energy Industry Market Report, elaborado pola European Suppliers of Waste-to-Energy Technology (ESWET), un informe que analiza a evolución do mercado mundial (con excepción da China) desta industria, a valorización enerxética de residuos enfronta un novo ciclo de transformación. Logo dunha década marcada pola consolidación do sector, o mercado internacional comeza a desprazarse desde a construción de novas instalacións cara á modernización das plantas existentes, a incorporación de tecnoloxías de descarbonización e a apertura de novos mercados en distintas rexións do mundo.
O estudo sinala que o volume global de adxudicacións de novas plantas mantívose relativamente estable durante a última década, aínda que as dinámicas rexionais están a cambiar de forma significativa. Mentres algúns mercados maduros reducen o ritmo de novas instalacións, outros comezan unha fase de expansión impulsada pola necesidade de reducir a vertedura, aumentar a recuperación de recursos e avanzar nos obxectivos de descarbonización.
Neste contexto, a valorización enerxética deixa de concibirse unicamente como unha solución para a xestión do rexeitamento e pasa a desempeñar un papel crecente dentro das estratexias industriais de economía circular e transición enerxética.
O informe identifica comportamentos diferenciados segundo as rexións. En Asia, excluída China, o crecemento continúa apoiándose en novos proxectos e na expansión cara a mercados que ata o de agora apenas contaban con instalacións de valorización enerxética.
Pola contra, en Europa, Oriente Medio e África (EMEA), o sector entra progresivamente nun ciclo distinto, caracterizado pola modernización de instalacións existentes, a renovación tecnolóxica e a aparición de novos mercados.
Pola súa banda, Xapón mantén un mercado maduro no que os investimentos se concentran principalmente na substitución e actualización de infraestruturas, mentres que o continente americano evoluciona a un ritmo moito máis lento e continúa mostrando unha actividade moi limitada, especialmente en Latinoamérica, onde non se identifican proxectos materializados recentemente.
Novas prioridades
Unha das principais novidades desta primeira edición é a incorporación de novas análises sobre tecnoloxías que previsiblemente marcarán a evolución do sector durante os próximos anos. Entre elas destacan os sistemas avanzados de limpeza de gases de combustión, a valorización de escouras de fondo e, especialmente, as tecnoloxías de captura de carbono (CCS), consideradas cada vez máis relevantes para reducir a pegada climática das plantas de valorización enerxética.
Esta evolución prodúcese en paralelo ao crecente interese da industria europea por integrar a valorización enerxética dentro das estratexias de descarbonización e de xestión do carbono promovidas pola Comisión Europea.
O informe reflicte tamén unha evolución do propio concepto de valorización enerxética. As novas instalacións xa non se limitan a xerar electricidade e calor a partir de residuos non reciclables, senón que cada vez incorporan solucións orientadas a recuperar materiais, producir combustibles de baixo carbono ou subministrar enerxía térmica a redes urbanas e instalacións industriais.
Esta diversificación tecnolóxica responde tanto á necesidade de aumentar a eficiencia das plantas como á crecente demanda de combustibles alternativos e materias primas secundarias por parte da industria.
Fonte e imaxe: ESWET