- Tivo lugar no Centro Cívico da localidade e, ademais de explicar as fases do proceso e resolver as dúbidas dos asistentes, foi aproveitado para entregar ás novas familias adscritas a esta iniciativa, os medios materiais necesarios (composteiros e cubos marróns)
Cerceda, 2 de setembro de 2026.- Con motivo da ampliación do programa de compostaxe doméstica a 30 novas vivendas de Malpica de Bergantiños, técnicos de Sogama desprazáronse a esta localidade coruñesa para impartir un curso de formación presencial, que tivo lugar no Centro Cívico, e no que participaron os veciños que, no seu momento, solicitaron formar parte desta experiencia.
As explicacións realizadas polo persoal desta empresa pública centráronse especialmente nas distintas fases do proceso de autocompostaxe da materia orgánica: desde a propia montaxe e localización do composteiro ata a identificación de materiais que deben, e non deben, introducirse no mesmo, o control da mestura a fin de que garde un equilibrio entre fracción húmida e seca e a vixiancia de parámetros de gran interese que influirán no resultado final, como son o osíxeno, a temperatura e a humidade.
O obxectivo último é que os usuarios obteñan un compost de alta calidade que cumpra a normativa vixente e que poida ser aplicado en hortas, xardíns e terras de cultivo con garantías e sen restricións.
Máis aló dos evidentes beneficios ambientais, incidiuse nas vantaxes económicas que supón autoxestionar os biorresiduos no propio fogar, evitando desta forma a súa recollida por parte dos servizos municipais, o transporte e o tratamento en planta industrial, co conseguinte desembolso para as arcas locais, sen esquecer que as familias disporán do seu propio abono e evitarán a compra e uso de fertilizantes artificiais.
a formación foi aproveitada para entregar os compostadores, con capacidade para 400 litros, aos veciños que acudiron a esta cita, así como cubos marróns de 10 litros para o traslado dos restos orgánicos ata os recipientes de compostaxe, e resolver todas as dúbidas presentadas polos veciños, tomando boa nota das súas achegas e suxerencias.
Con esta ampliación do programa de compostaxe doméstica en Malpica, xa son 145 os fogares da localidade adscritos a esta iniciativa.
Saúdos, Departamento de Comunicación