- Viaxaron onte a Cerceda para experimentar unha das principais novidades do programa de visitas, o itinerario inmersivo 360º, a través do cal tiveron a oportunidade de descubrir todos os recunchos desta infraestrutura industrial
Cerceda, 22 de outubro de 2026.- Máis de 60 escolares de primaria do CEIP Plurilingüe de Monterroso (Lugo), desprazáronse onte a Cerceda para experimentar unha das principais novidades do programa de visitas a Sogama, que non é outra que o percorrido virtual polas instalacións que conforman o seu Complexo Medioambiental, onde se centraliza o tratamento dos residuos urbanos producidos por 304 concellos, o 97% do total.
Logo das explicacións dispensadas polos educadores da empresa e equipados con lentes inmersivas 360º, “voaron” por todos os recunchos desta infraestrutura, o que lles permitiu descubrir o proceso de xestión dos residuos recollidos a través dos contedores amarelos e xenéricos, desde que entran ata que saen transformados en recursos. No caso da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks), observaron como estes materiais se separan automaticamente por tipoloxías, se prensan e embalan para ser remitidos aos centros recicladores, onde cobran unha nova vida.
Respecto da bolsa negra (fracción resto), tamén se segrega a parte reciclable, labor que se leva a cabo nunha planta equipada con tecnoloxías de última xeración e que opera conforme aos parámetros da industria 4.0.
Do mesmo xeito que os materiais recuperados da bolsa amarela, remítense aos recicladores aqueles que poden cobrar unha nova vida, mentres que os non reciclables convértense nun combustible CDR que alimenta as caldeiras dunha planta termoeléctrica para producir electricidade.
Despois deste itinerario inmersivo, os monitores abriron un tempo para os xogos, a través dos cales se avaliou o apreso polos pequenos, e douse paso a un coloquio para o intercambio de impresións, consulta de dúbidas e valoración global da visita.
Saúdos, Departamento de Comunicación