- En 2022 alcanzouse unha cifra récord de 62 millóns de toneladas de RAEE, o que supón un aumento do 82 % desde 2010
- Para 2030 agárdase que esta cantidade se incremente nun 32%, ata chegar aos 82 millóns de toneladas, segundo o último Global E-waste Monitor da ONU
Cerceda, a 2 de abril de 2024.- A xeración mundial de residuos electrónicos está a aumentar cinco veces máis rápido que a súa reciclaxe, segundo revela o cuarto Global E-Waste Monitor (GEM) da ONU.
Os 62 millóns de toneladas producidas en 2022 encherían 1,55 millóns de camións de 40 toneladas cada un, conforme ao informe da Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT) e o Instituto das Nacións Unidas para Formación Profesional e Investigacións (UNITAR).
Menos dunha cuarta parte (22,3%) da masa de refugallos electrónicos recolleuse e reciclouse axeitadamente, o que deixa sen contabilizar recursos naturais recuperables por valor de 62 mil millóns de dólares.
A produción anual de RAEE está a aumentar, a nivel mundial, en 2,6 millóns de toneladas ao ano, e xa vai camiño dos 82 millóns de toneladas en 2030, un incremento adicional do 33% respecto de 2022.
Calquera produto refugado con enchufe ou batería, constitúe un perigo para a saúde e o medio ambiente, xa que contén aditivos tóxicos ou substancias perigosas coma o mercurio.
O informe prevé unha caída na taxa documentada de recollida e reciclaxe do 22,3 % en 2022 ao 20 % en 2030 debido á diferenza, cada vez maior, nos esforzos de reciclaxe en relación co gran crecemento da xeración de refugallos electrónicos. Os desafíos que contribúen a esta brecha inclúen o progreso tecnolóxico, un maior consumo, opcións de reparación limitadas, ciclos de vida máis curtos dos produtos, a crecente electrificación da sociedade, deficiencias de deseño e unha infraestrutura inadecuada de xestión de refugallos electrónicos.
O informe subliña que, se os países puidesen elevar as taxas de recollida e reciclaxe de RAEE ao 60 % para 2030, os beneficios -incluso minimizando os riscos para a saúde humana- superarían os custos en máis de 38 mil millóns de dólares.
Tamén sinala que o mundo “continúa a ser sorprendentemente dependente” duns poucos países para obter elementos de terras raras, malia as súas propiedades únicas cruciais para as tecnoloxías futuras, incluída a xeración de enerxía renovable e a mobilidade eléctrica.
Fonte: ONU
Imaxe: Pexels