- Editorial do presidente de Sogama, Javier Domínguez, correspondente ao boletín informativo corporativo do presente mes de outubro
Cerceda, 7 de octubre de 2026.-Ás portas do cuarto trimestre de 2026, inauguramos a tempada outono-inverno vestíndonos á última coa reciclaxe do téxtil.
Logo de moitos meses de traballo incansable, esforzo titánico e un permanente estado de alerta ante posibles eventualidades e incidencias, a nova planta de clasificación de residuos téxtiles de Sogama será unha realidade a principios do ano 2027, posicionándose como a primeira instalación pública das súas características en España. Un novo fito para a nosa comunidade, Galicia, berce dunha potente industria da moda que se atopa en permanente expansión por todo o mundo e que agora quere facerse máis sostible.
Con capacidade para 3.000 toneladas anuais, ampliable a 24.000, e un investimento de máis de 22 millóns de euros, dos cales 12 millóns foron captados a través dos Fondos europeos MRR, a planta sitúase no propio Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña), sendo o seu cometido a selección de pezas por tipoloxías e cores para ser remitidas aos centros recicladores e transformadas en novos produtos. Unha tarefa na que cobran especial protagonismo as tecnoloxías de última xeración e a intelixencia artificial, propiciando unha operativa máis eficiente.
Neste sentido, non debemos perder de vista que a lei 7/2022, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, obriga aos concellos a instaurar a recollida selectiva do residuo téxtil e aos fabricantes a incorporar aos seus produtos unha determinada porcentaxe de fibra reciclada. Non obstante, e máis aló da propia dimensión xurídica e ambiental, esta instalación representa unha nova senda para o emprego, xa que xerará, nunha primeira fase, entre 17 e 30 postos de traballo, que se cubrirán, con carácter preferente, por persoas en situación de vulnerabilidade e/ou en risco de exclusión social.
Con este novo proxecto, non só abrimos a nosa xestión a novas fraccións de residuos, senón tamén a novas oportunidades laborais e de inserción social, sen esquecer os seus beneficios para o medio ambiente e a saúde das persoas.
Porque vestir de verde, tamén representa unha gran oportunidade na transición cara a un futuro máis circular.
Presidente
Javier Domínguez Lino
* Boletín Sogama octubre 2026: https://www.sogama.gal/sites/default/files/newsletter/pdf/2026-10/newsletter_sogama_no_64_outubro_2026.pdf