- A compostaxe doméstica desta fracción, que vén a representar preto do 40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, evita o seu depósito no contedor xenérico, o que se traduce en aforro de custos
Cerceda, 3 de agosto de 2026.- O Concello de Santiso (A Coruña) amplía e reforza o seu programa de compostaxe doméstica coa colaboración de Sogama, quen lle remitiu unha partida de 10 composteiros, e igual número de cubos marróns domiciliarios, para posibilitar que a autoxestión da materia orgánica chegue a novos fogares.
Tendo en conta que esta fracción vén a representar preto do 40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se recibe tratamento nas propias vivendas para a súa transformación en abono natural, con posteriores aplicacións en hortas e cultivos, evítase que esta porcentaxe acabe depositada no contedor xenérico, o que se traduce en aforro de custos para os concellos, tanto ambientais coma económicos.
A día de hoxe son 35 os fogares de Santiso que dispoñen de composteiro proporcionado por Sogama, un recipiente de gran utilidade no conxunto da operativa, facéndoa máis cómoda, eficiente e hixiénica.
Con capacidade para 400 litros, e fabricado con materiais reciclados e reciclables ao final da súa vida útil, o composteiro sitúase en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, correspondendo aos usuarios o control e seguimento do proceso a fin de obter un compost de alta calidade que cumpra os requisitos esixidos pola normativa vixente.
Saúdos, Departamento de Comunicación