- Un estudo do JRC revela que o plástico é o único material de envasado que incrementou a súa presenza nos últimos 14 anos
- Segundo o informe, en 2025 comercializáronse 5,9 millóns de toneladas de envases de plástico, equivalentes a 14 kg por habitante nos 19 países analizados
Cerceda, 22 de xullo de 2026.- Conforme a un novo estudo do Centro Común de Investigación da Comisión Europea (JRC), os envases de plástico continúan gañando peso no mercado europeo, ata o punto de que o plástico foi o único material de envasado cuxa presenza aumentou entre 2011 e 2025, cun crecemento do 11% en termos absolutos.
A análise avalía a evolución dos envases de vidro, plástico, metais, papel e cartón e materiais compostos comercializados en 19 Estados membro, que representan a máis do 97% da poboación da Unión Europea.
Segundo o informe, en 2025 comercializáronse 5,9 millóns de toneladas de envases de plástico, equivalentes a 14 kg por habitante nos países analizados, sendo o PET, utilizado principalmente en botellas de auga e refrescos, coma o polímero con maior presenza nos envases de consumo. Non obstante, países como Finlandia, Irlanda, Países Baixos e Suecia presentan un maior peso do polipropileno (PP), empregado nunha gama máis ampla de produtos alimentarios e bebidas.
O comportamento do mercado difire notablemente entre países. Mentres que Bélxica, Francia e Países Baixos mantiveron niveis relativamente estables de envases de plástico, Irlanda, Romanía e Polonia rexistran un incremento continuado durante o período analizado.
O estudo tamén reflicte importantes diferenzas no consumo per cápita. En 2024, Alemaña alcanzou os 16 kg de envases de plástico por habitante, mentres que Suecia rexistrou aproximadamente a metade. A media dos 19 países analizados situouse en 14 kg por persoa.
En Italia, ademais, as botellas de auga representan o 46% do consumo total de envases plásticos, fronte ao 6% rexistrado en Suecia.
Malia o crecemento do plástico, o vidro continúa a ser o material con maior peso no mercado europeo debido á súa elevada densidade. Dos 98 kg de envases por habitante contabilizados en 2024, ao redor do 75% corresponde a envases de vidro. As botellas reutilizables e dun só uso concentran a maior parte deste volume, sendo as destinadas a cervexa as máis numerosas, con aproximadamente 16,5 millóns de toneladas.
Mellora da metodoloxía de medición
O estudo forma parte do apoio técnico que o Centro Común de Investigación (JRC) presta aos Estados membro para o seguimento dos obxectivos establecidos polo Regulamento sobre Envases e Residuos de Envases (PPWR).
A metodoloxía actualizada amplía a análise máis aló dos alimentos e bebidas e incorpora novas categorías de produtos como limpeza do fogar, coidado persoal e alimentación para mascotas, co obxectivo de mellorar o cálculo dos envases postos no mercado e facilitar a avaliación das políticas europeas de economía circular.
Fonte: Comisión Europea