- Co título “Camiños novos e futuros”, terá lugar o próximo 24 de setembro, de 10.00 a 13.00 (hora española), canalizándose a través da Academia Lipor
- Máis aló de expoñer e compartir o labor realizado no marco deste proxecto, a xornada pretende tamén invitar á reflexión sobre a evolución das plantas de clasificación de residuos e os retos aos que se enfronta o sector
- A participación neste webinar é gratuíta. Inscrición e programa en https://academia.lipor.pt/course/view.php?id=93
Cerceda, 17 de setembro de 2026.- O próximo 24 de setembro, un novo webinar enmarcado no proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Gresint, abordará a forma na que a dixitalización e a intelixencia artificial están a abrir a porta a procesos de xestión de residuos máis eficientes, sostibles e orientados a datos.
Baixo o título “Camiños novos e futuros”, a xornada, que se canalizará a través da Academia Lipor e terá unha duración de 3 horas (de 10.00 a 13.00 hora española), porá o foco na progresiva evolución dos mecanismos de clasificación, monitorización e valorización dos residuos, á vez que dará pistas, emanadas do traballo académico e empresarial desenvolvido no proxecto, sobre novas tendencias, tecnoloxías e solucións.
Non obstante, e máis aló de expoñer e compartir o labor realizado en Gresint, a xornada pretende tamén invitar á reflexión sobre a evolución das plantas de clasificación de residuos e os retos aos que se enfronta o sector, ademais de promover o intercambio de coñecementos e experiencias entre entidades do sector, universidades e empresas tecnolóxicas, así como identificar oportunidades para unha xestión máis intelixente dos residuos.
A participación neste webinar é gratuíta e está orientada a un público amplo: desde xestores de residuos e técnicos municipais ata profesionais da innovación e a transformación dixital, especialistas en datos e intelixencia artificial, empresas tecnolóxicas, investigadores, estudantes, responsables públicos e profesionais interesados na xestión de residuos e a economía circular
Sobre Gresint
Liderado por Sogama, son socios do proxecto, por parte de Galicia, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, e, por parte de Portugal, a Asociación de Municipios para a Xestión Sostible de Residuos de Grande Porto (LIPOR) e a Universidade de Beira Interior (UBI).
Seleccionado na terceira convocatoria do Programa Interreg España-Portugal (POCTEP 2021-2027), o proxecto Gresint, que concluirá este mesmo ano, conta cun orzamento próximo aos 800.000 euros, estando cofinanciado pola Unión Europea.
A súa pretensión é avanzar na innovación e a transformación da xestión de residuos a través de tecnoloxías intelixentes que permitan mellorar a clasificación de envases e logren impactar no resto da cadea de valor. Desta forma, contribuirá a alcanzar os obxectivos europeos de reciclaxe, permitindo introducir no ciclo produtivo materiais recuperados de alta calidade que substituirán aos virxes, conforme os preceptos da economía circular.
Máis información en https://www.sogama.gal/es/gresint
Inscrición webinar: https://academia.lipor.pt/course/view.php?id=93
Saúdos, Departamento de Comunicación