- Monitores da Sociedade impartiron sesións formativas en dúas parroquias do municipio interesadas en incrementar as súas taxas de recuperación e atenderon as consultas dos participantes, que xiraron especialmente ao redor do contedor amarelo e o iglú verde
- Non obstante, e máis aló da reciclaxe, os educadores insistiron en que o mellor residuo é o que non se produce, de aí a importancia de pasos previos como a prevención, a redución e a reutilización
Cerceda, 10 de xuño de 2026.- A solicitude do propio Concello, e no marco do Día Mundial do Medio Ambiente, educadores de Sogama desprazáronse ao municipio ourensán de Carballeda de Avia para instruír aos seus veciños na correcta separación de residuos en orixe e posterior depósito nos contedores de recollida selectiva correspondentes a fin de garantir a súa reciclaxe.
As formacións impartíronse en dúas parroquias da localidade interesadas en mellorar as súas taxas de recuperación e, no transcurso das mesmas, os participantes trasladaron numerosas dúbidas, especialmente en relación ao contedor amarelo, que viñan identificando con plásticos en xeral e non especificamente con envases e envoltorios deste material, ademais de latas e briks, e ao iglú verde, que, curiosamente, e malia ser o contedor con maior tradición nas rúas, tamén foi obxecto de consultas ao asocialo a todo tipo de cristal e vidro. De aí que se explicara a diferenza entre ambos os materiais, advertindo que neste recipiente só se deben introducir botellas, frascos e tarros de vidro, sen os tapóns, e nunca vasos, copas, restos de cristalería, cerámica, espellos ou lámpadas.
Dado o seu carácter rural, o ente local fixo no seu momento unha firme aposta pola compostaxe doméstica, o que lle permitiu reducir a presenza de orgánicos no contedor de resto. Tamén dispón dun punto limpo móbil para que os veciños poidan xestionar comodamente residuos especiais xerados no fogar como aparellos eléctricos e electrónicos, tóner e cartuchos de tinta, pequenos electrodomésticos, lámpadas e tubos fluorescentes, teléfonos móbiles, etc.
Non obstante, e máis aló da reciclaxe, os educadores de Sogama insistiron na máxima de que o mellor residuo é o que non se produce, de aí a importancia de reducir a súa xeración mediante un consumo responsable e consciente, e de alongar a vida útil dos produtos a través da súa reutilización.
Saúdos, Departamento de Comunicación