- No acto de peche, que tivo lugar esta semana en Santiago, as startups presentaron a evolución dos seus proxectos, dando a coñecer os avances alcanzados ao longo do programa
- Destacaron, entre outras, solucións aplicadas a ámbitos como a dixitalización da sostibilidade, a valorización de residuos e subprodutos, o desenvolvemento de novos materiais circulares, a optimización no uso de recursos, a redución de emisións, a rastrexabilidade e a medición do impacto ambiental
Cerceda, 22 de xaneiro de 2026.-A Business Factory (BF) ClimaTech, a aceleradora ambiental de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia e o Clúster galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), celebrou esta semana, en Santiago de Compostela, o Investor’s Day e o acto de clausura da súa segunda edición, unha xornada deseñada para conectar emprendemento innovador, investimento e axentes crave do ecosistema ambiental.
O encontro reuniu a startups participantes na pasada edición do programa con entidades investidoras de referencia, nun espazo pensado para favorecer o diálogo, a presentación de oportunidades e a xeración de novas alianzas estratéxicas.
A xornada comezou coa presentación das entidades investidoras participantes, que compartiron o seu enfoque e interese polo desenvolvemento de solucións con impacto ambiental positivo. Nesta sesión interviñeron representantes de Xesgalicia, Zubi Capital, Torsa Capital, Vigo Activo, CaixaBank DayOne, Unirisco e Gradiant, poñendo en valor o papel do investimento como panca para acelerar a chegada ao mercado de solucións innovadoras.
Así mesmo, as startups deron a coñecer a evolución e avances dos seus proxectos ao longo do programa. As iniciativas participantes foron SIZIT, STUAR.IO, A Tribo Verde, Traza Circular, Levox, RUDI, Bagazymes, Bima, Sekond, Greenspire 360, Labre Gando, Material Innovation Hub, Beflamboyant, Wattson Smart Charging e WIM Studio, que mostraron solucións aplicadas a ámbitos como a dixitalización da sostibilidade, a valorización de residuos e subprodutos, o desenvolvemento de novos materiais circulares, a optimización no uso de recursos, a redución de emisións, a rastrexabilidade e a medición do impacto ambiental.
As presentacións evidenciaron o potencial da innovación para dar resposta a retos ambientais complexos de forma escalable e orientada ao mercado, á vez que puxeron en valor a diversidade e transversalidade do emprendemento ambiental.
A presidenta de Viratec, Josefa de León, destacou que “para Viratec é motivo de orgullo ver como a BF ClimaTech continúa crecendo e consolidándose como unha aceleradora de referencia, contribuíndo a fortalecer un ecosistema galego cada vez máis consciente de que as solucións ambientais e a economía circular son o motor da competitividade” e lembrou que “esta aceleradora naceu co obxectivo de crear un espazo no que as ideas se transformen en proxectos sólidos, con impacto positivo e capacidade real de chegar ao mercado”.
Pola súa banda, a subdirectora de Innovación Empresarial do Igape, Patricia López Quintiá, explicou que a Xunta de Galicia está a traballar na primeira Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia, que contará cun investimento de 400 millóns de euros.
O Investor’s Day puxo así o broche final a unha edición que culmina coa entrega de diplomas de licenciamiento aos proxectos participantes, tras nove meses de acompañamento, formación especializada, mentorización e conexión co tecido empresarial, científico e financeiro.
Fonte e imaxe: BF ClimaTech