- Así o manifestou o presidente de Sogama na emisora Cope Galicia, onde explicou que aínda hai concellos de certa entidade que, por diversas circunstancias, non incorporaron o recipiente marrón ás rúas e outros que o están a facer de forma progresiva
- Se en 2023 entraron 833 toneladas nas plantas de compostaxe de Sogama, en 2025 esta cifra viuse incrementada ata as 4.455 toneladas, un 435% máis
- En todo caso, Javier Domínguez anima aos entes locais a que pasen á acción para poder cumprir os obxectivos europeos de reciclaxe e recuperación
Cerceda, 8 de maio de 2026.- En declaracións á cadea Cope Galicia, o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, manifestou que, se ben a materia orgánica depositada pola cidadanía no contedor marrón viuse incrementada nun 435%, subindo desde as 833 toneladas rexistradas nas plantas de biorresiduos en 2023 ata as 4.455 toneladas en 2025, aínda queda moita marxe de mellora. Respecto da tipoloxía de contedor, corroborou os bos resultados do pechado, que precisa dunha chave ou tarxeta para usalo, polo que, a priori, os cidadáns interesados en dispoñer destes dispositivos están concienciados cunha boa separación en orixe, o que se traduce nunha excelente calidade do residuo e unha mínima porcentaxe de impropios, que se sitúan ao redor do 5%.
Neste sentido, o máximo responsable da empresa pública explicou que a lexislación obriga aos concellos a implantar a recollida diferenciada dos restos orgánicos antes do 31 de decembro de 2023. Nonobstante aínda hai municipios de certa entidade que, por diversas circunstancias, non incorporaron o contedor marrón ás rúas, e outros que o están a facer de forma progresiva. É por isto que insistiu na necesidade dunha maior implicación dos entes locais para que a recollida selectiva desta fracción, que vén supoñer da orde do 40% da composición media dunha bolsa de lixo doméstico tipo, poida ser recuperada mediante a súa transformación en compost, un abono natural de alta calidade con posteriores aplicacións no sector da agricultura e xardinería, contribuíndo desta forma a alcanzar os obxectivos europeos de reciclaxe e recuperación.
Para axudar aos concellos a cumprir a lei, a Xunta de Galicia, a través de Sogama, puxo en marcha unha rede de infraestruturas, á que se destinou un investimento de 45 millóns de euros (cun cofinanciamento europeo de 30 millóns), conformada por 4 plantas de compostaxe (Cervo, en Lugo; Cerceda, na Coruña; Vilanova de Arousa en Pontevedra; e Verín en Ourense) e 13 plantas de transferencia de apoio, de tal forma que a práctica totalidade dos concellos adheridos a Sogama (hoxe 304) dispoñan dunha planta de compostaxe ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
O téxtil incorpórase á xestión de Sogama
Domínguez Lino falou tamén do novo plan estratéxico 2025-2030 impulsado pola Sociedade, e que se sustenta en tres eixos básicos: transformación dixital, descarbonización dos procesos e recuperación de residuos téxtiles a través dunha planta de clasificación, que se atopa en construción, e que será a primeira de carácter público en España para este material.
Con capacidade para un máximo de 24.000 toneladas anuais, creará, nunha primeira fase, entre 16 e 30 postos de traballo, que se reservarán para persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Esta instalación enmárcase na firme aposta da Xunta Galicia por promover unha moda circular, primando a prevención, e fomentando a reutilización e a reciclaxe, ademais da innovación.
Saúdos, Departamento de Comunicación