- O obxectivo do encontro era abordar a posible adhesión do seu Concello ao sistema público de residuos impulsado pola Xunta, interesándose polos trámites administrativos necesarios
- Se ben Pontecesures xa entrega os seus refugallos nas instalacións de Sogama a través da Mancomunidade Serra do Barbanza, o certo é que o prazo para utilizar esta vía expira o próximo 31 de marzo, a priori sen posibilidade de renovación
- Logo da reunión, cualificada polo máximo responsable da empresa pública como cordial e produtiva, a alcaldesa, que estivo acompañada por un técnico municipal, realizou unha visita guiada ao Complexo cercedense para coñecer de primeira man a súa operativa
Cerceda, 18 de marzo de 2026.- A alcaldesa de Pontecesures (A Coruña), Maite Tocino Barreiro, reuniuse esta mañá, na sede de Sogama en Cerceda, co seu presidente, Javier Domínguez Lino, para buscar unha solución á correcta xestión dos residuos domésticos producidos no municipio e informarse sobre os trámites administrativos necesarios para a posible adhesión do seu Concello ao sistema público promovido pola Xunta de Galicia.
Se ben desde o pasado 1 de xaneiro, Pontecesures está a entregar os seus refugallos a Sogama a través da Mancomunidade Serra do Barbanza, o certo é que esta opción caduca o próximo 31 de marzo, a priori sen posibilidade de renovación, polo que a rexedora baralla a posibilidade dunha integración no modelo Sogama de forma individual.
O encontro, cualificado como cordial e produtivo por parte do máximo responsable da empresa pública, foi aproveitado para que Tocino Barreiro, que estivo acompañada por un técnico municipal, coñecese con máis precisión a operativa desenvolvida no Complexo cercedense, cuxo labor é transformar os residuos en recursos, ben mediante o seu envío aos centros recicladores, no caso daqueles potencialmente reciclables, ou ben mediante a valorización enerxética da parte non reciclable, converténdoa en enerxía eléctrica e diminuíndo así o uso do vertedoiro, a opción máis contaminante.
A alcaldesa realizou un percorrido virtual polas distintas instalacións que conforman o Complexo, podendo así acceder a recunchos e espazos que, nun itinerario físico, non sería posible por razóns de seguridade.
Esta visita inmersiva complementouse cunha guiada a pé e a través da cal tivo a oportunidade de constatar o proceso de tratamento de residuos nunha infraestrutura que hoxe conta con capacidade para tratar 1 millón de toneladas, é dicir, todos os residuos urbanos producidos en Galicia, se así fose necesario.
Saúdos, Departamento de Comunicación