- Os intereses do grupo estaban centrados nas bolsas amarela e negra, xa que a materia orgánica que depositan no contedor marrón procésase na planta de compostaxe que a empresa pública ten nesta localidade
- Atendidos por técnicos especializados, os cales se encargaron de explicar a operativa industrial da Sociedade, tiveron a oportunidade de realizar unha visita virtual polas distintas instalacións que conforman a infraestrutura cercedense
Cerceda, 13 de abril de 2026.- Un grupo de escolares que cursan 1º e 2º de ESO no IES Marqués de Sargadelos de Cervo (Lugo), viaxaron a Cerceda, acompañados polos seus profesores, para participar no programa de visitas ao Complexo Medioambiental de Sogama e coñecer o tratamento que reciben os seus residuos (bolsa amarela e bolsa negra) nesta infraestrutura logo de ser transvasados na planta de transferencia de Viveiro.
A xornada arrincou coas explicacións realizadas por técnicos especializados sobre a operativa de Sogama, entidade que hoxe concentra a xestión dos refugallos producidos por 304 concellos, ou, o que é o mesmo, por máis de 2,3 millóns de habitantes. Mostrouse o itinerario que seguen as dúas fraccións (envases lixeiros e resto) desde que se producen ata que se introducen no contedor correspondente e se procesan en Sogama, procedendo á súa clasificación por tipos de material, no caso da parte reciclable, e á valorización enerxética da non reciclable mediante a súa transformación en electricidade.
Respecto da bolsa marrón (materia orgánica), esta trátase na planta de compostaxe que a empresa pública ten no propio municipio de Cervo para a súa conversión en compost, un abono natural de alta calidade.
Logo da información inicial, apoiada por presentacións e vídeos, os mozos tiveron a oportunidade de realizar un percorrido virtual polas distintas instalacións que conforman o complexo cercedense, sendo equipados para isto con lentes inmersivas 360º. Desta forma, puideron acceder, con todo luxo de detalle, a espazos e recunchos imposibles de visualizar nun itinerario guiado a pé por razóns de seguridade.
A visita complementouse con xogos, para poñer a proba o apreso, e un coloquio no que puideron deixar constancia das súas observacións, ademais de consultar dúbidas.
Saúdos, Departamento de Comunicación