- O cumprimento de requisitos vinculados ao canon reducido, xunto cos ingresos procedentes do Fondo de Compensación Ambiental achegados pola Consellería de Facenda, propiciaron que o custo final por tonelada de residuos para Cangas, Bueu e Moaña baixase dos 108 € aos 83 €
- A fin de seguir mellorando a súa achega á compostaxe industrial, cun canon máis barato, membros da Mancomunidade visitaron esta mañá a planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa para coñecer o proceso
- Estiveron acompañados polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, e técnicos da Sociedade, encargados de explicar a operativa da instalación
Vilanova de Arousa, 26 de febreiro de 2026.- O canon reducido aplicado por Sogama (95 €/Tn fronte aos 108 €/Tn do canon xenérico) e os ingresos procedentes do Fondo de Compensación Ambiental achegados pola Consellería de Facenda, propiciaron que os tres Concellos que conforman a Mancomunidade do Morrazo aforrasen o pasado ano 548.869 euros en custos de xestión de residuos.
Do mesmo xeito que outros 277 municipios de Galicia, Cangas, Bueu e Moaña acolléronse en 2025 ao canon reducido, suxeito en todo caso ao cumprimento de, alomenos, un destes dous requisitos: reducir, nun 1%, a cantidade de refugallos producidos (bolsa negra) respecto do exercicio inmediatamente anterior ou incrementar, nun 3%, a achega á reciclaxe da bolsa amarela ou ben á compostaxe da marrón (materia orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor da mesma cor).
Aínda que os tres entes locais reduciron a súa achega á reciclaxe da bolsa amarela (-1,52%), pasando de 790 Tn en 2024 a 778 Tn en 2025, tamén diminuíron a xeración de bolsa negra, baixando das 22.585 Tn ás 22.182 Tn, é dicir, un 1,78% menos. Así mesmo, aumentaron a súa achega á compostaxe industrial, subindo das 55,12 Tn ás 80 Tn.
Pola súa banda, o pasado mes de abril, a Consellería de Facenda ingresou a cada Concello o importe correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental, resultando un total de 260.491,94 €. É por isto que o custo real por tonelada de residuos para os tres concellos situouse en 83 €/Tn.
Visita á planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa
Co obxectivo de seguir reducindo as cantidades de residuos enviadas ao Complexo Medioambiental de Cerceda para o seu tratamento final e impulsar a compostaxe industrial da materia orgánica, cun canon máis barato (este ano ascende a 52,89 €/Tn, logo de ser actualizado co IPC correspondente), membros da Mancomunidade do Morrazo visitaron esta mañá a planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa (Pontevedra).
Acompañados polo presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, e técnicos da Sociedade, puideron tomar nota do proceso de compostaxe dos residuos orgánicos desde que entran na instalación ata que saen convertidos en compost, un abono natural con posteriores aplicacións no sector da agricultura e a xardinería.
Con capacidade para tratar 15.000 toneladas anuais de materia orgánica e 7.000 toneladas de material estructurante, a planta de Vilanova integra as distintas fases do proceso de compostaxe: desde o pretratamento e a fermentación, ata a maduración e o almacenamento, así coma os correspondentes tratamentos de aire e de augas, facendo uso das últimas tecnoloxías dispoñibles, tanto de procesado como de control de cheiros e ruído, a fin de garantir en todo momento unha actividade industrial respectuosa co medio ambiente e o benestar da cidadanía.
Ademais, unha parte da instalación é autosuficiente desde o punto de vista enerxético ao dispoñer de paneis solares fotovoltaicos, contribuíndo desta forma á loita contra o cambio climático.
Incentivo fronte a sanción
A aplicación de impostos á vertedura e á incineración por parte do Estado, así como a adopción doutras medidas que lesionaron gravemente as contas de Sogama (eliminación da retribución ao investimento da planta termoeléctrica, redución da retribución á explotación da planta de coxeración e recuperación do imposto eléctrico do 7%), chegando a ocasionarlle unhas perdas económicas de 18 M€ en 2023 logo de anos de equilibrio económico, obrigaron á empresa a subir o canon o pasado ano para salvagardar a súa viabilidade e servizo público.
Estableceuse así un canon xenérico de 108 €/Tn e un reducido de 95 €/Tn, posible grazas a que a Xunta, para minimizar o negativo impacto sobre as arcas locais e as economías familiares, decidiu asumir o 60% da subida, é dicir, 25 €/Tn, incentivando desta forma o esforzo dos Concellos nunha xestión máis sostible dos seus residuos.
Saúdos, Departamento de Comunicación