- Durante esta semana e a seguinte, os 25 colexios de infantil e primaria adscritos a esta iniciativa, canalizada a través do Plan Proxecta da Xunta, recibirán a visita de educadores especializados para ser instruídos na aplicación dos tres erres da sostibilidade (redución, reutilización e reciclaxe)
Cerceda, 27 de xaneiro de 2026.- O pasado luns, 26 de xaneiro, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Educación Ambiental, arrincaban as sesións formativas nos centros escolares de infantil e primaria que este curso participan no programa “Recíclate con Sogama” 2025-2026.
O traballo pedagóxico que están a desenvolver educadores especializados en xestión de residuos, estenderase durante esta semana e a seguinte, sendo o seu obxectivo instruír ao alumnado no principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) para que aprendan a diminuír a produción de refugallos en orixe, a alongar a vida útil dos produtos a través da reutilización e a separar os materiais por tipoloxías a fin de que sexan depositados nos distintos contedores de recollida selectiva e garantir así o seu posterior reciclado.
Medios e recursos
Para que os escolares poidan levar á práctica os coñecementos adquiridos, Sogama subministrou a cada centro os medios materiais e didácticos necesarios. Entre os primeiros, destacarían as illas de reciclaxe, conformadas cada unha por catro contedores (amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; marrón, para materia orgánica; e xenérico, para fracción resto) co obxectivo de que os pequenos adestren nas aulas o hábito de separar e se esforcen en discriminar o que deben e non deben introducir en cada recipiente. Un comportamento que poden extrapolar ao seu ámbito familiar e social máis inmediato, levando á práctica unha correcta xestión dos residuos que producen cada día.
Así mesmo, aos colexios interesados na autocompostaxe, e que dispoñen de servizo de comedor, ademais de horta ou xardín, Sogama entregoulles composteiros para que teñan a oportunidade de elaborar o seu propio abono natural a partir dos residuos orgánicos xerados e promover a súa posterior utilización como fertilizante.
A empresa pública tamén fixo chegar aos colexios diverso material divulgativo de apoio (presentacións, titoriais, vídeos, etc) para que o profesorado dispoña de recursos cos que traballar a reciclaxe e a sostibilidade nas aulas.
A 14ª edición de Recíclate con Sogama conta coa adscrición de 25 centros das catro provincias galegas, que foron seleccionados logo da avaliación das súas candidaturas, presentadas a través do Plan Proxecta da Xunta.
Ata final de curso, os educadores de Sogama visitarán periodicamente os colexios participantes para facer un seguimento dos seus traballos, ademais de asesoralos, orientalos e resolver dúbidas para que os proxectos de reciclaxe cheguen a bo porto.
Relación de centros participantes no curso 2025-2026
Provincia de Pontevedra (9)
- CEIP de Lourido, de Poio
- CEIP Plurilingüe Nosa Señora da Piedade, de Vila de Cruces
- CPR Santa María e CRA Mestra Clara Torres, de Tui
- CEIP Plurilingüe San Benito de Lérez, de Pontevedra
- CPR Plurilingüe Lareira e CEIP de Atín-Cela, de Mos
- CEIP Plurilingüe de Tirán, de Moaña
- CPR Plurilingüe Marquesa do Pazo da Mercé, das Neves
Provincia da Coruña (9)
- CPI Armando Cotarelo Valledor, de Boimorto
- CEE A Barcia, CEE Manuel López Navalón e CEIP Arquitecto Casas Novoa, de Santiago de Compostela
- CEIP Plurilingüe Alborada e CEIP Plurilingüe Labaca, da Coruña
- CRA de Bergondo
- CPI Alcalde Xosé Pichel, de Coristanco
- CEIP Plurilingüe A Magdalena, das Pontes
Provincia de Lugo (1)
- CEIP Plurilingüe Lagostelle, de Guitiriz
Provincia de Ourense (6)
- CPR Plurilingüe Luis Vives e CEIP Manuel Luis Acuña, de Ourense
- CPI Terras de Maside, de Maside
- CPR Plurilingüe María Inmaculada, de Verín
- CEIP de Casaio, de Carballeda de Valdeorras
- CPR Plurilingüe Divina Pastora, do Barco de Valdeorras
Saúdos, Departamento de Comunicación