- Sogama encargouse de achegar, de forma gratuíta, os composteiros necesarios, así como os manuais didácticos de apoio
- O obxectivo último é que o programa contribúa ao aforro de custos, tanto ambientais como económicos
Cerceda, 18 de maio de 2026.- O programa de compostaxe doméstica no Concello de Pazos de Borbén (Pontevedra), e que conta actualmente con 415 vivendas unifamiliares adscritas, afiánzase co apoio de Sogama.
O obxectivo do ente local é promover a autoxestión da materia orgánica en orixe como fórmula para diminuír o depósito de residuos no contedor xenérico (bolsa negra), minorando así os custos económicos, e tamén para recuperar unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación de restos orgánicos para alimento de animais domésticos ou elaboración de compost, un abono natura de alta calidade e con excelentes propiedades fertilizantes para hortas, xardíns e terras de cultivo.
A Sociedade Galega do Medio Ambiente proporcionou ao Concello os máis de 400 composteiros que xa foron distribuídos entre as familias participantes. Con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, a función destes recipientes é propiciar que o proceso de autocompostaxe se leve a cabo de forma máis cómoda, hixiénica e eficiente.
A empresa pública tamén remitiu ao ente local manuais didácticos para entregar aos usuarios e, desta forma, que contasen cunha guía práctica de apoio na que se detalla toda a operativa: desde a localización do composteiro no lugar idóneo, ata os residuos que deben, e non deben, introducirse no mesmo, e o control de parámetros tales coma o osíxeno, a temperatura e a humidade, que resultan claves no resultado final. Así mesmo, dáse resposta ás preguntas máis frecuentes, indicando como proceder en cada caso para corrixir erros ou resolver dúbidas.
Saúdos, Departamento de Comunicación