- Coa colaboración de Sogama, o Concello distribuirá unha nova partida de composteiros, ademais de cubos marróns de 10 litros, entre as familias interesadas en facer da autocompostaxe o seu modelo de xestión da materia orgánica
Cerceda, 2 de marzo de 2026.- O Concello ourensán de Xunqueira de Espadanedo decidiu continuar coa expansión do programa de compostaxe doméstica a novas vivendas a fin de avanzar cara a unha xestión máis sostible e eficiente dos seus residuos. Coa colaboración de Sogama, distribuirá unha nova partida de composteiros (12 unidades subministradas pola empresa pública) entre as familias interesadas en facer da autocompostaxe o seu sistema de xestión da materia orgánica.
Ademais dos recipientes, entregáronse ao ente local cubos marróns, con capacidade para 10 litros, para facilitar o traslado dos restos orgánicos desde as cociñas ao composteiro, que en todo caso debe estar situado no exterior da vivenda e en contacto directo coa terra para facilitar o acceso dos microorganismos descompoñedores. Así mesmo, repartiranse entre os usuarios manuais didácticos nos que se explica de forma pormenorizada a operativa a seguir para obter un compost de alta calidade e que cumpra os requisitos esixidos pola normativa vixente para ser aplicado na agricultura e xardinería sen restricións e con absolutas garantías.
A veciñanza recupera así unha práctica tradicional no rural galego, pero cun enfoque no que destaca a comodidade, a maior hixiene e a eficiencia.
Saúdos, Departamento de Comunicación