- Participaron no mesmo máis de medio cento de docentes de distintos niveis educativos (infantil, primaria e secundaria)
- A pretensión desta acción era reforzar a súa formación ambiental desde a dimensión didáctica, proporcionarlles recursos de utilidade para as aulas e xerar debate
Cerceda, 16 de abril de 2026.- Conclúe o curso en liña impartido por Sogama baixo o título “Pechando o círculo: a educación ambiental para o século XXI”, no que participaron máis de medio cento de docentes de infantil, primaria e secundaria dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Impartido a través de PLATEGA (Plataforma de Teleformación de Galicia), que é a contorna virtual da Xunta orientada á formación continua do profesorado dos centros non universitarios, dous técnicos da compañía foron os encargados de organizar esta acción, acompañando aos docentes inscritos ao longo de dez temáticas nas que se abordaron aspectos xerais vinculados á educación ambiental e os obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS), e outros máis específicos ligados á biodiversidade, as enerxías renovables, o cambio climático, a economía circular e, por suposto a xestión sostible dos residuos, analizando o sistema Sogama, tanto na súa dimensión industrial como loxística, ambiental e social.
Ademais das cuestións obxecto de estudo, proporcionouse aos profesores recursos didácticos de interese para as aulas, déuselles a coñecer distintas campañas e iniciativas pedagóxicas impulsadas por esta empresa pública, e compartiuse con eles noticias, novidades e curiosidades de plena actualidade a fin de utilizalas como complemento dos contidos transmitidos e tamén como asuntos de debate.
Con este xa son 14 os cursos en liña desenvolvidos por Sogama e dirixidos ao profesorado, ao que considera figura crave na educación ambiental dos adultos dos mañá.
Saúdos, Departamento de Comunicación