- Breve balance e felicitación de Nadal do presidente de Sogama, Javier Domínguez
Cerceda, 23 de diciembre de 2025.- Este foi o ano no que iniciamos o noso novo plan estratéxico, con visión a 2030, e no que puxemos os cimentos da empresa pública que queremos: máis moderna, máis forte, máis eficiente, máis resiliente e máis próxima aos seus clientes, os concellos, e aos seus veciños.
Porque a xestión intelixente e sostible dos residuos urbanos é un labor de equipo, de alianzas, de entendemento, de solidariedade e de empatía. É o froito dun traballo de colaboración continua entre administracións, empresas e cidadáns cun obxectivo común compartido: un futuro mellor.
Xestionar de forma circular os nosos refugallos, non só se traduce nun medio ambiente máis limpo e saudable, senón tamén en riqueza, en creación de emprego, en progreso e en crecemento. Os residuos de hoxe poden, e deben, ser os recursos do mañá, pero só será así se sabemos poñelos en valor.
Ao longo de máis de tres décadas, Sogama demostrou, con creces, non só a súa capacidade de xestión, senón tamén a súa capacidade de innovación e adaptación a un mundo cambiante. Todo isto colmou á Sociedade dunha aprendizaxe única e unha experiencia inigualable que lle permitiu responder de forma eficaz e contundente a situacións verdadeiramente complexas e desafiantes.
Apoiados por toda esta bagaxe, encaramos o próximo lustro con determinación, garantías e, sobre todo, con confianza. Contamos coas ferramentas necesarias: tecnoloxía de última xeración, apoio do Goberno autonómico, equipo humano de primeira e cidadanía comprometida. Somos a Sociedade Galega do Medio Ambiente.
Felices Festas e próspero Ano 2026!
Presidente
Javier Domínguez Lino