- Este concurso diríxese exclusivamente aos 25 centros que participan no programa referenciado, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta
- Contempla dous premios (educación infantil e educación primaria/educación especial), dotados cada un con 1.500 euros, importe que debe ser investido en material e/ou accións educativas
Cerceda, 20 de abril de 2026.- Sogama, co apoio da Consellería de Educación, e no marco do programa educativo “Recíclate con Sogama” 2025-2026, vén de lanzar a convocatoria do concurso escolar aos mellores carteis de reciclaxe, que dirixe únicamente aos 25 centros de infantil, primaria e educación especial que participan na iniciativa durante este curso académico.
Cada colexio debe achegar unicamente un cartel, que, ademais de identificarse cun título, acompañarase cun pequeno texto descritivo sobre o que se quere transmitir co mesmo.
A obra debe ser orixinal, elaborada a man polo autor, non podendo utilizar recursos tales como a intelixencia artificial, bancos de imaxes ou presentar traballos xa publicados, sexa na internet ou outros soportes.
Premios
Un xurado, conformado por representantes de Sogama e a Consellería de Educación, será o encargado de avaliar os carteis achegados. Valorará, entre outras cuestións, a calidade dos mesmos, a creatividade e orixinalidade, a claridade da redacción e a capacidade do título, a mensaxe e a ilustración para impactar positivamente na poboación e axudala a tomar conciencia da importancia de separar os residuos producidos en orixe e de depositalos nos contedores correspondentes para propiciar a súa reciclaxe.
A convocatoria contempla dous premios: un para educación infantil e outro para primaria e educación especial, estando dotados cada un cunha achega de 1.500 euros, importe que, en todo caso, debe ser investido en material e/ou accións educativas, así como un diploma acreditativo.
Tamén poderán concederse accésits a aqueles centros que, sen ser gañadores, destacasen polos seus traballos.
O prazo para a presentación de candidaturas conclúe o próximo 15 de maio.
Sobre “Recíclate con Sogama”
Canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, a pretensión do programa “Recíclate con Sogama”, en vigor desde hai 14 anos, é instaurar nas aulas as boas prácticas vinculadas á xestión sostible dos residuos, isto é, redución, reutilización e reciclaxe, proporcionando aos centros participantes os medios necesarios, tanto materiais como didácticos e divulgativos, para levar a cabo os seus proxectos, dos que deberán deixar constancia nunha memoria, suxeita a avaliación.
Saúdos, Departamento de Comunicación