- REDISMAR é unha iniciativa do Programa Pleamar da Fundación Biodiversidade, cofinanciada pola Unión Europea a través do FEMPA
Cerceda, 28 de maio de 2026.- O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e a Confederación Española de Pesca (CEPESCA) puxeron en marcha REDISMAR, un proxecto orientado a mellorar a xestión de redes e aparellos de pesca ao final da súa vida útil mediante solucións de ecodeseño e economía circular.
A iniciativa parte dun dos principais retos que presenta actualmente a reciclaxe destes equipos: a dificultade e o custo de separar materiais e compoñentes para a súa reutilización ou tratamento.
O proxecto terá unha duración de 24 meses e combinará análise técnica, traballo co sector e validación de solucións. Nunha primeira fase, identificaranse as redes e aparellos prioritarios a partir de criterios como a intensidade de uso, o desgaste de compoñentes ou as dificultades actuais de reciclaxe. Este labor incluirá entrevistas con profesionais do sector e accións vinculadas á perspectiva de xénero.
A continuación, REDISMAR analizará distintas alternativas de redeseño mediante metodoloxías de ecodeseño adaptadas ao sector pesqueiro. Entre as opcións que se estudarán figuran deseños máis modulares, o uso dun único material ou a incorporación de materiais biodegradables, co obxectivo de facilitar a reparación, o desmonte e a reciclaxe dos equipos.
As solucións seleccionadas converteranse posteriormente en prototipos, totais ou parciais, que serán sometidos a ensaios mecánicos e ambientais para avaliar a súa viabilidade.
Ademais, o proxecto realizará análises ambientais, sociais e económicas mediante metodoloxías de Análises de Ciclo de Vida (ACV), seguindo os estándares internacionais ISO 14040 e 14044.
Desta forma, REDISMAR dá continuidade ao traballo desenvolvido no proxecto Redes de España (Pleamar 2023), centrado na mellora da xestión e valorización de redes e aparellos fóra de uso. A nova iniciativa incorpora agora unha liña específica de traballo sobre o deseño destes equipos e o seu impacto na sustentabilidade e circularidade do sector pesqueiro.
Alcance
REDISMAR terá carácter supraautonómico e desenvolverase en Galicia, Andalucía e Madrid, traballando sobre aparellos utilizados nas demarcacións mariñas noratlántica e sudatlántica.
O proxecto contará con participación de armadores, organizacións de produtores pesqueiros (OPP) e representantes do segmento artesanal. Tamén prevé incorporar alomenos un caso de redeseño dun aparello artesanal e recoller achegas do sector a través de entrevistas e talleres de traballo.
Fonte: Cepesca