- Entre os mesmos figuran Bélxica, Dinamarca e Alemaña, que superaron o limiar do 77% de recollida separada
- Seis deles incluso cumpren o obxectivo máis esixente do 90% previsto para 2030
- O primeiro informe da Comisión Europea revela avances desiguais na aplicación da directiva, cos sistemas de depósito, devolución e retorno como factor clave
Cerceda, 20 de abril de 2026.- De acordo co primeiro informe publicado pola Comisión Europea no marco da Directiva sobre Plásticos dun Só Uso (SUPD), alomenos dez Estados membro alcanzaron os obxectivos de recollida separada de botellas de plástico dun só uso fixados para 2025. Entre os mesmos figuran Bélxica, Dinamarca e Alemaña, que superaron o limiar do 77%.
O documento, baseado en datos de 2022, servirá como referencia para avaliar o cumprimento dos obxectivos vinculantes establecidos para 2025 e 2030, así como a evolución do consumo de envases alimentarios e de bebidas dun só uso, e a xestión de artes de pesca con contido plástico.
En conxunto, os Estados membro lograron unha taxa media de recollida separada do 71% para botellas de bebidas de plástico en 2022. Ademais de Bélxica, Dinamarca e Alemaña, países como Estonia, Polonia, Finlandia, Suecia, Lituania, Croacia e Eslovaquia, xa alcanzaron o obxectivo de 2025. Deles, seis —Estonia, Polonia, Finlandia, Alemaña, Dinamarca e Suecia— cumpren mesmo co obxectivo máis esixente do 90% previsto para 2030.
O informe destaca que os países con maiores taxas de recollida adoitan contar con sistemas de depósito, devolución e retorno (SDDR), considerados unha ferramenta eficaz para mellorar a recuperación de envases.
En canto ao consumo, en 2022 comercializáronse na UE máis de 524.000 toneladas de envases alimentarios dun só uso (equivalentes a 1,6 kg por persoa) e máis de 152.000 toneladas de vasos para bebidas (0,5 kg por persoa). A Comisión avaliará en próximos informes se as medidas adoptadas permiten reducir estas cifras antes de 2026.
Entre as principais accións implementadas polos Estados membro para diminuír o consumo destes produtos, destacan os instrumentos económicos, coma os réximes de responsabilidade ampliada do produtor, a contratación pública verde, as campañas de sensibilización e o impulso a alternativas reutilizables.
No ámbito dos residuos mariños, o informe sinala que, en 2022, introduxéronse no mercado preto de 22.900 toneladas de artes de pesca con contido plástico, das cales aproximadamente un terzo recolleuse como residuo.
Directiva
A Directiva sobre Plásticos dun Só Uso céntrase nos dez produtos máis frecuentes nas praias europeas, ademais das artes de pesca. Entre as súas medidas inclúe a prohibición de certos artigos cando existen alternativas viables —como cubertos, pratos, palliñas ou envases de polistireno expandido— e establece obxectivos de redución, recollida e reciclaxe, xunto con obrigacións específicas para os produtores.
Fonte: Residuos Profesional