- A Axencia Europea de Medio Ambiente destaca o potencial ambiental, industrial e estratéxico da circularidade, aínda que advirte da necesidade de acelerar os investimentos para cumprir os obxectivos europeos
Cerceda, 25 de maio de 2026.- Impulsar a economía circular ofrece á Unión Europea a posibilidade de avanzar simultaneamente nos seus obxectivos ambientais e económicos. Así o recollen tres novas avaliacións publicadas pola Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA), que destacan tanto o potencial da circularidade para reducir impactos ambientais como a súa capacidade para reforzar a seguridade de subministración de materias primas e xerar novas oportunidades de negocio.
Segundo o briefing “Os beneficios ambientais e climáticos da economía circular”, un conxunto de 17 accións de circularidade podería reducir o impacto da UE sobre o cambio climático nun 22%, é dicir, case mil millóns de toneladas de CO₂ equivalente, á vez que permitiría diminuír nun 19% o impacto sobre a perda de biodiversidade e nun 25% a contaminación atmosférica por partículas finas.
As estimacións baséanse en medidas aplicadas a sectores como a vivenda, a minería, a alimentación e a mobilidade. A AEMA subliña, ademais, que estas actuacións contribuirían a reducir a dependencia europea de materias primas estratéxicas procedentes doutras rexións do mundo. En concreto, a dependencia respecto a minerais de aluminio, níquel e metais do grupo do platino podería diminuír ao redor dun 20%, mentres que no caso do cobre a redución sería do 12%.
Acelerar o investimento
O informe “Desbloquear a economía circular: necesidades de investimento, barreiras e condicións facilitadoras” sinala que a economía circular representa unha oportunidade estratéxica para ampliar o mercado europeo, xerar retornos económicos e reducir a presión sobre o clima e o medio ambiente. Con todo, a AEMA advirte de que será necesario acelerar o investimento para alcanzar os obxectivos xa adoptados pola UE.
Segundo a análise, existe unha brecha de investimento próximo aos 82.000 millóns de euros anuais ata 2040. As maiores necesidades concéntranse no deseño de produto e as fases de final de vida útil, especialmente en sectores como construción, téxtiles, baterías e vehículos.
A Axencia considera que, aínda que o financiamento privado lidera actualmente os investimentos, o financiamento público resulta clave para reducir riscos e facilitar mecanismos de financiamento combinado e a longo prazo. Tamén advirte da existencia de barreiras económicas e financeiras estruturais que dificultan a viabilidade comercial de moitos proxectos circulares.
Aumentar a circularidade das reservas de materiais
Outra das avaliacións, “Reservas de materiais nunha economía circular”, analiza o potencial dos produtos de longa vida útil para converterse en fontes de materias primas secundarias.
Actualmente, cada europeo consome 14,4 toneladas de materiais ao ano, das que máis de 6 toneladas quedan incorporadas en infraestruturas, edificios ou maquinaria, formando as chamadas reservas de materiais.
A AEMA considera que aumentar a circularidade destas reservas permitiría reforzar a competitividade e a seguridade económica europea, ao transformar eses materiais nunha fonte de materias primas autóctonas máis competitivas e menos dependentes do exterior.
Fonte e imaxe: AEMA