- O evento, concibido como foro de encontro para empresas e profesionais do sector enerxético, celebrouse a finais do pasado mes de marzo na Feira Internacional de Galicia ABANCA, na localidade pontevedresa de Silleda
- Mentres que distintos docentes solicitaron coñecer o protocolo a seguir para que personal de Sogama impartise formación nos seus centros, outras persoas pediron, a título particular, asesoramento sobre a correcta separación de residuos en orixe, e técnicos do sector dos residuos doutros puntos de España interesáronse pola valorización enerxética
- Pola súa banda, os veciños do propio municipio silledense aproveitaron a ocasión para coñecer polo miúdo os pormenores do contedor marrón, que o seu Concello acaba de implantar nas rúas
Cerceda, 6 de abril de 2026.- Sogama estivo presente, cun stand, en Enerxétika 2026, foro de encontro para empresas e profesionais do sector enerxético, celebrado o pasado mes de marzo (entre os días 25 e 27) na Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda (Pontevedra).
A través deste punto informativo, atendido por técnicos e monitores especializados, puidose constatar o gran interese dos visitantes na educación ambiental como fórmula coa que avanzar na concienciación da poboación ao redor da xestión sostible dos residuos urbanos.
Docentes de distintos colexios e institutos solicitaron asesoramento sobre o protocolo a seguir para que persoal de Sogama puidese impartir charlas e sesións nos seus respectivos centros, e non só coa pretensión de implantar a recollida selectiva nas aulas, senón tamén para que o alumnado trasladase as boas prácticas aos seus fogares.
A título particular, foron numerosas as persoas que pediron clarificacións sobre o contedor de destino de determinados residuos talles como, entre outros, cápsulas de café, plásticos de distintas tipoloxías, cueiros e restos orgánicos.
Así mesmo, achegáronse ao stand de Sogama técnicos procedentes doutras comunidades que teñen implantada a valorización enerxética da parte non reciclable contida nos residuos para a súa conversión en electricidade e calor, como é o caso do País Vasco e Barcelona, así coma doutras zonas de España que aínda non instauraron este tratamento finalista, como é Andalucía.
Tamén visitaron o punto informativo desta empresa pública traballadores de plantas de tratamento de residuos a nivel estatal co fin de coñecer un pouco máis a actividade de Sogama e intercambiar impresións e experiencias. Explicóuselles que a operativa desta empresa pública está cimentada no principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), complementado coa produción de electricidade (50% renovable) a partir da fracción non reciclable e que a enerxía producida en Sogama equivale ao consumo do 10% dos fogares galegos.
Pola súa banda, os veciños do propio municipio silledense, aproveitaron a ocasión para coñecer un pouco máis os pormenores do quinto contedor, de cor marrón, instalado recentemente na súa localidade: que se pode e que non se pode depositar no mesmo, razóns polas que o recipiente ten chave, como solicitala e cal é a súa función.
Saúdos, Departamento de Comunicación