- Ademais de profundar na regra dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), lembráronse as cores de cada un dos contedores de recollida selectiva presentes nas rúas do municipio, así como a relación de refugallos a depositar en cada un deles
Cerceda, 16 de marzo de 2026.- En días pasados, educadores de Sogama desprazáronse ao CEIP Alfonso Rodríguez Castelao de Ordes (A Coruña), a petición do centro, para instruír en reciclaxe a preto de 150 escolares (de infantil e primaria), así como a 10 docentes que, ademais de acompañar aos pequenos durante as sesións formativas, tomaron boa nota das explicacións para darlles continuidade nas aulas e propiciar deste xeito que a xestión sostible dos residuos, non só sexa unha constante no colexio, senón que tamén se traslade ao eido familiar.
Ademais de profundar na regra dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), enxalzando a importancia de producir menos residuos, a través dun consumo consciente e responsable, e de alongar ao máximo a vida útil dos produtos, evitando aqueles de usar e tirar, os monitores lembraron as cores de cada un dos contedores de recollida selectiva distribuídos polas rúas do municipio, así como a relación de refugallos que poden, e non poden, depositarse en cada un deles para propiciar o seu posterior reciclado.
No caso do amarelo, destinado a acoller envases de plástico, latas e briks, incidiuse en que non debe introducirse calquera plástico, senón os catalogados como envases e envoltorios de carácter doméstico; no azul, para papel e cartón, non poden arroxarse papeis e cartóns húmidos ou manchados e con restos de graxa; no iglú verde, advertiuse que só está concibido para botellas, frascos e tarros de vidro, nunca para outros materiais que poden levar a confusión tales como os vasos e copas de cristal, xa que a súa composición é diferente; conteñen óxido de chumbo, que lles outorga certas particularidades como o son e o brillo, pero non se poden fundir nos mesmos fornos nos que se producen os envases de vidro.
A bagaxe na materia e a concienciación ambiental do alumnado deste centro foi cualificado como moi elevado por parte dos educadores, coa particularidade de que tamén coñecían o funcionamento do Complexo Medioambiental de Sogama, asentado na localidade veciña de Cerceda, xa que os pais dalgúns dos escolares traballan nesta infraestrutura industrial, polo que están moi familiarizados co seu labor.
Saúdos, Departamento de Comunicación