- Educadores especializados viaxaron por toda a comunidade para instruír a aqueles colectivos que, por diversas circunstancias, non puideron desprazarse a Cerceda para visitar o Complexo Mediombiental
- O programa de formacións externas diríxese tanto a centros escolares como a concellos e organizacións sociais
Cerceda, 10 de febreiro de 2026.- O pasado ano educadores ao servizo de Sogama viaxaron por toda a comunidade para atender as demandas de formación daqueles grupos e colectivos que, por diversas circunstancias, non puideron desprazarse a Cerceda para visitar o Complexo Medioambiental da Sociedade, onde se centraliza o tratamento dos residuos urbanos producidos na meirande parte do territorio galego.
Foron máis de 5.000 as persoas que se beneficiaron deste programa, dirixido tanto a centros escolares como a concellos e organizacións sociais. O obxectivo do mesmo é achegar o labor de Sogama ao cidadán de a pé para que a coñeza e a comprenda, e que vexa nesta empresa pública un aliado para garantir a correcta xestión dos refugallos que produce cada día, facéndoa máis sostible.
As charlas adáptanse en todo momento ás características e perfís educativos dos destinatarios, e están apoiadas con diversos recursos didácticos e divulgativos para propiciar unha comunicación máis dinámica, xerar debate e suscitar dúbidas e reflexións sobre como mellorar a achega da poboación á reciclaxe.
En moitos casos, as sesións acompáñanse e complementan con xogos, especialmente no caso dos máis pequenos, a fin de que interioricen dunha forma pragmática e divertida os conceptos máis relevantes, e que actúen tamén como prescritores na súa contorna familiar e social para que cada vez sexan máis os que poñen en práctica, cada día, o principio dos tres erres: previr e reducir a produción de residuos en orixe; alongar a vida útil dos produtos a través da reutilización; e separar os residuos por tipoloxías de material, procedendo ao seu correcto depósito no contedor adecuado para facilitar o seu posterior reciclado, co conseguinte aforro de enerxía e materias primas virxes.
Tamén se explica a operativa de Sogama e o despregamento industrial para dar un correcto tratamento ás preto de 800.000 toneladas de residuos que recibe cada ano procedentes do contedor xenérico (bolsa negra), e das que segrega, con tecnoloxía 4.0, a parte reciclable, que remite aos centros recicladores, acondicionando en forma de combustible CDR a non reciclable, a partir do cal xera electricidade suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos. Desta forma, non só pon en valor aquela fracción de residuos que non pode recuperarse materialmente, senón que evita o seu depósito en vertedoiro, a peor das opcións dadas as súas negativas consecuencias para o medio ambiente e a saúde pública.
Saúdos, Departamento de Comunicación