- A empresa pública impartiu neste centro tres sesións formativas, amenizadas con talleres e xogos, nas que participaron preto de 65 pequenos
- O obxectivo do centro era que o alumnado, ademais de levar á práctica o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) nas aulas e recinto académico, dese continuidade a este labor nos seus fogares e contorna social
Cerceda, 2 de febreiro de 2026.- Preto de 65 escolares do Colexio Sagrado Corazón de Jesús de Pontevedra, con idades comprendidas entre os 6 e 7 anos, participaron en tres sesións formativas impartidas polos educadores de Sogama neste centro, orientadas a perfeccionar os seus coñecementos en torno á reciclaxe, así como a resolver dúbidas.
O obxectivo do centro era que o alumnado, ademais de levar á práctica o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) nas aulas e recinto académico, dese continuidade a este labor nos seus fogares e contorna social, dada a súa capacidade para exercer de prescritores e auténticos embaixadores da sostibilidade.
Malia a súa curta idade, os alumnos coñecían perfectamente os diferentes contedores habilitados nas vías pública, así como os principais residuos que se depositan en cada un deles para propiciar o seu posterior reciclado. As súas preguntas centrábanse, sobre todo, no contedor amarelo, ao abarcar envases e envoltorios de diferentes materiais (plástico, aceiro, aluminio, brik, etc).
Durante as charlas e talleres realizados, trasladaron observacións e comentarios moi interesantes e diversos como, por exemplo, se en todos os países se separan os residuos da mesma forma, a diferenza entre o composteiro e o contedor marrón, ou que refugallos se deben levar ao punto limpo.
Saúdos, Departamento de Comunicación