- Recoñeceron que a visita realizada no seu momento ao Complexo Medioambiental desta empresa pública en Cerceda (A Coruña), permitiulles descubrir unha contorna que entón lles resultaba allea e comprender con máis precisión a súa actividade
Cerceda, 23 de febreiro de 2026.- Os escolares de 1º de ESO do CPI Ramón Piñeiro de Láncara (Lugo) recibiron a visita de educadores de Sogama para poñerse ao día na xestión sostible dos residuos e ter a oportunidade de consultar dúbidas sobre a separación dos mesmos en orixe e posterior depósito nos contedores adecuados. Un xesto que, recoñecen, resulta esencial para propiciar a reciclaxe e todos os seus beneficios, tanto ambientais coma económicos e sociais.
No transcurso do encontro, puido corroborarse os altos coñecementos dos estudantes na recollida selectiva de refugallos en xeral e na xestión e actividade industrial de Sogama en particular, froito do seu interese e do excepcional traballo realizado nas aulas polo profesorado.
Ao respecto, recoñeceron que a visita realizada no seu momento ao Complexo Medioambiental desta empresa pública en Cerceda (A Coruña), permitiulles descubrir unha contorna que entón lles resultaba allea e comprender con máis precisión o seu labor, esencial para dar debido tratamento aos residuos que cada día producen 304 concellos ou, o que é o mesmo, máis de 2,3 millóns de habitantes. Manifestaron tamén que ver con detalle as distintas fases polas que atravesa o residuo, desde que chega ás instalacións de Sogama ata que sae das mesmas convertido en recurso, axudoulles en boa medida a tomar conciencia da importancia que ten o consumo responsable, a prevención e, por suposto, as oportunidades que abre a reciclaxe para transformar os produtos refugados en novas materias primas, sen esquecer que a valorización enerxética da parte non reciclable permite aproveitar un residuo e poñelo en valor, evitando que acabe en vertedoiro, a peor das opcións.
Saúdos, Departamento de Comunicación