- Editorial do presidente de Sogama, Javier Domínguez, correspondente ao último número do boletín informativo da Sociedade
Cerceda, 3 de julio de 2026.- Tras décadas operando baixo estritos estándares medioambientais, industriais e de calidade, hoxe, máis que nunca, parece indiscutible o papel crucial que desempeñan as plantas de valorización enerxética dos residuos non reciclables para reducir o uso do vertedoiro, último elo na xerarquía de xestión promulgada pola Unión Europea debido á súa alta carga contaminante e aos seus perniciosos efectos para a contorna e a saúde pública. De aí que chame poderosamente a atención que o goberno central, ante unha taxa de vertedura en España próxima ao 50%, non só continúe mirando para outro lado, senón que se apunte a todo o que implique sancionar e penalizar con impostos á única alternativa viable á vertedura, aliñándose con ese falso argumento pseudo-ecoloxista de que se reciclamos todo, xa temos o problema solucionado.
Quizás se teña esquecido o Goberno de España de que hai unha alta porcentaxe de residuos que non poden ser reciclados, e non porque non haxa vontade, senón porque os produtos que algún día foron fabricáronse con materiais non reciclables. Unicamente se busca o problema ao final da cadea, cando realmente está na orixe. Pero, entre tanto, concellos, cidadáns e empresas de xestión estamos a pagar polo que outros non fan.
O Estado castigou ás plantas de valorización enerxética porque, ao seu xuízo, ou a xuízo de determinados grupos simpatizantes e de presión, impediamos a reciclaxe, cando, malia que esta non é a nosa función, en Sogama mesmo acometemos grandes investimentos para recuperar, do lixo en masa, aqueles materiais potencialmente reciclables que o cidadán debería ter introducido noutros contedores de recollida selectiva. Logo suprimiu en 2023 a retribución ao investimento da planta termoeléctrica, cando estaba comprometida ata 2026, e reduciu a retribución á explotación da planta de coxeración. Moitos gobernos europeos negáronse a impoñer estas sancións, convencidos de que, non só non incentivarían a reciclaxe, senón que serían un pau para as arcas locais.
Agora que Bruxelas escoitará aos Estados membro para saber se están a favor ou en contra de incluír as plantas de valorización enerxética no comercio de dereitos de emisión, o Estado español nin está nin se lle espera. Outros países, como é o caso de Francia, xa se pronunciaron ao respecto, rexeitando a inclusión destas instalacións no novo Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE) da Unión Europea debido a múltiples razóns, sendo unha das máis evidentes que estas plantas non poden facer maxia e cambiar a composición dos residuos que reciben, debendo dispensarlles tratamento na súa condición de servizo público. Tamén que o desembolso económico que as plantas deberán facer en relación ao RCDE, e que no caso de Sogama ascenderá a 14 millóns de euros, repercutirase aos concellos e, polo tanto, ás familias, coa particularidade de que unha nova penalización á valorización enerxética, incentivará a vertedura, que paradoxalmente, e tamén por mandato europeo, debería estar limitada ao 10% en 2035.
O debate está sobre a mesa e o Estado xa coñece a postura do sector. Só queda por coñecer o desenlace final. En Sogama xa estamos a esfollar a margarida.
Presidente
Javier Domínguez Lino