- Así se recolle no informe “Sobrequentados e mal preparados”, elaborado pola AEMA e Eurofound a partir dunha enquisa realizada a máis de 27.000 persoas en 27 países da UE
- A calor extrema consolídase como a principal preocupación, con máis da metade dos enquisados moi ou bastante preocupados polas temperaturas elevadas no futuro
Cerceda, 9 de febreiro de 2026.- No último lustro, catro de cada cinco cidadáns europeos experimentaron alomenos un impacto relacionado co cambio climático, como ondas de calor, inundacións, incendios forestais ou escaseza de auga. Con todo, e segundo o informe “Sobrequentados e mal preparados”, elaborado pola Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA) e Eurofound a partir dunha enquisa realizada a máis de 27.000 persoas en 27 países da UE, só unha minoría dos fogares dispón de medidas adecuadas para enfrontalos.
O informe ofrece unha visión, a escala europea, sobre como perciben os cidadáns a crecente presión climática e ata que punto están preparados para facerlle fronte, tanto a nivel doméstico como en relación coas medidas impulsadas polas autoridades locais e rexionais.
Os resultados mostran que a calor extrema consolídase como a principal preocupación, con máis da metade dos enquisados moi ou bastante preocupados polas temperaturas elevadas no futuro. Os incendios forestais aparecen tamén entre os impactos que xeran maior inquietude, especialmente en rexións do sur de Europa.
Falta de protección climática
Malia esta elevada percepción do risco, un de cada cinco fogares non dispón de ningunha medida básica de protección climática, como sistemas de sombreado, ventilación ou refrixeración, impermeabilización fronte a inundacións, recollida de auga de choiva ou seguros fronte a eventos extremos. O 38 % dos enquisados afirma non poder permitirse manter a súa vivenda adecuadamente fresca no verán, un dato que pon de relevo a dimensión social da adaptación climática.
A enquisa tamén evidencia desigualdades socioeconómicas na exposición e a capacidade de resposta. Os fogares con menores ingresos presentan unha maior vulnerabilidade ante determinados impactos, como é o caso do número de persoas que experimentaron problemas de acceso a auga potable e segura, que foi catro veces superior entre os enquisados con menos recursos económicos.
Desde o punto de vista institucional, o informe subliña que a percepción cidadá sobre as medidas de adaptación impulsadas polas autoridades locais é desigual, o que reforza a necesidade de mellorar a visibilidade, coordinación e alcance das políticas públicas de resiliencia climática.
Segundo Leena Ylä-Mononen, directora executiva da AEMA, garantir o benestar e a prosperidade da sociedade europea nun contexto climático cambiante require unha implantación ampla e socialmente xusta de medidas de prevención e preparación, con especial atención á asequibilidade das solucións a nivel doméstico.
Na mesma liña, Ivailo Kalfin, director executivo de Eurofound, destaca que os resultados ofrecen unha base empírica clave para responsables políticos e investigadores, ao mostrar como varía a preparación climática entre comunidades e onde é máis urxente intervir.
Contexto
Os achados están aliñados con outros traballos recentes, como a Avaliación Europea de Riscos Climáticos (EUCRA), que identifica riscos críticos para a saúde, as infraestruturas, a contorna construída e os ecosistemas en Europa.
Neste contexto, a xestión dos riscos climáticos consolídase como un elemento central das políticas europeas para preservar a calidade de vida e a competitividade do continente.
A enquisa forma parte das actividades do Observatorio Europeo do Clima e a Saúde (Climate-ADAPT) e busca apoiar o deseño de políticas de adaptación ao cambio climático cun enfoque centrado na saúde, o benestar e a cohesión social.
Fonte e imaxe: AEMA