- O certame volveu a poñer de relevo o interese dos participantes por reflectir a actividade dos profesionais da reciclaxe e o seu legado en favor dun desenvolvemento sostible
Cerceda, 26 de maio de 2026.- No marco da conmemoración do Día Mundial da Reciclaxe, celebrado o pasado 17 de maio, a Federación Española da Recuperación e a Reciclaxe (FER) fixo públicos os premios correspondentes á quinta edición do seu concurso fotográfico “Reciclando”.
Na primeira categoría, “Actividades, plantas de reciclaxe e persoas”, Miguel Robles conseguiu o primeiro e o segundo premio con dúas instantáneas que, ademais de distinguirse polo seu carácter innovador, creativo e orixinal, mostran o espírito e o esforzo da actividade diaria do reciclador.
Na segunda categoría, “Residuos”, a gañadora foi Mónica Facal, coa fotografía titulada “Metamorfose”, mentres que o segundo premio recaeu en Mónica Vila, con “Pequeno refuxio”. Máis aló da alta calidade das imaxes, o xurado valorou a capacidade das autoras de captar a gran variedade de residuos que xera a sociedade e a importancia do seu correcto tratamento.
Para rematar, na terceira categoría do concurso, “Historia fotográfica do recuperador”, o galardón foi para Belinda Durán, co traballo titulado “Juanito na chatarrería”. Unha imaxe, en branco e negro, que reflicte os inicios da actividade da recuperación, fundamentalmente manual, evidenciando como os pioneiros da reciclaxe en España foron capaces de transformar unha actividade residual na potente industria da reciclaxe da que hoxe dispón o noso país.
Fuente e imaxe: FER