- Un estudo da organización analiza especialmente a súa posible aplicación en países onde as infraestruturas de xestión de residuos presentan maiores dificultades
- Con todo, advirte que o papel non constitúe unha solución automática, xa que, se o deseño ou a orixe dos materiais non se xestionan axeitadamente, o cambio de material podería xerar outros impactos ambientais
- É por isto que o informe establece criterios crave para o desenvolvemento responsable destes envases
Cerceda, 16 de marzo de 2026.- O papel podería constituír unha alternativa relevante aos envases flexibles de plástico, segundo un informe publicado pola Fundación Ellen MacArthur. O estudo sostén que o desenvolvemento de solucións baseadas en papel podería axudar a abordar a contaminación xerada por este tipo de envases, especialmente en mercados onde as taxas de fuga de residuos ao medio ambiente son elevadas.
O informe conta co respaldo de 47 organizacións, entre empresas, ONG, investidores e académicos, que coinciden na necesidade de acelerar a innovación para deseñar e escalar envases flexibles de papel que se desenvolvan de forma responsable.
Os envases flexibles —como sobres monodosis, envoltorios ou bolsas tipo pouch— constitúen actualmente o segmento de envases plásticos de máis rápido crecemento a nivel mundial. En países con sistemas limitados de recollida e reciclaxe, representan unha fonte significativa de contaminación e chegan a supoñer ata o 80% do plástico de envases que termina nos océanos.
O documento analiza especialmente a súa posible aplicación en países como India, Indonesia, Filipinas, Tailandia e Vietnam, onde as infraestruturas de xestión de residuos presentan maiores dificultades.
Entre as vantaxes potenciais do papel, o informe sinala que pode deseñarse con maior facilidade para ser reciclable e biodegradable. En contextos onde existe unha alta probabilidade de que os envases terminen no medio ambiente, esta característica permitiría reducir a persistencia da contaminación plástica, á vez que facilitaría a súa reciclaxe cando existan sistemas de recollida e tratamento adecuados.
Non constitúe unha solución automática
Con todo, o estudo advirte que o papel non constitúe unha solución automática, xa que, e o deseño ou a orixe dos materiais non se xestionan adecuadamente, o cambio de material podería xerar outros impactos ambientais. Por iso, o informe establece seis criterios crave para o desenvolvemento responsable destes envases.
Entre eles figuran o uso de materias primas procedentes de fontes responsables para evitar a degradación forestal, procesos de produción que minimicen o impacto climático e o consumo de auga, e deseños que respondan ás necesidades técnicas, económicas e dos consumidores. Tamén se expón que os envases deben ser reciclables a nivel local, evitar substancias perigosas e formar parte de estratexias máis amplas de economía circular socialmente inclusivas.
Igualmente, o informe subliña que as solucións baseadas en papel aínda non están dispoñibles á escala, o custo ou o rendemento necesarios para substituír amplamente aos envases flexibles de plástico. Por iso, a fundación insta a empresas e responsables políticos a acelerar a investigación, o desenvolvemento e a implantación destas alternativas, á vez que se establecen salvagardas para garantir o seu uso responsable.
Ademais, lembra que os envases de papel constitúen só unha parte da resposta ao problema dos residuos plásticos. Entre as prioridades tamén se inclúe a redución do uso de envases flexibles de pequeno formato de calquera material, por exemplo mediante a expansión de modelos de reutilización.
Fonte: Residuos Profesional