Referiuse a actuacións tales coma os máis de 30 M€ destinados á ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda ou os 45 M€ correspondentes á posta en marcha da rede de infraestruturas para a compostaxe da materia orgánica
O presidente de Sogama destaca a vontade do Executivo galego de avanzar na transformación dixital da empresa pública, na robotización e uso da intelixencia artificial, na xestión dos residuos téxtiles e na descarbonización dos procesos
Neste sentido, aludiu aos máis de 22 M€ que está a investir a Administración autonómica na primeira planta pública de clasificación de residuos téxtiles de España
Santiago de Compostela, 15 de abril de 2026.- O presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), Javier Domínguez, salientou hoxe no Parlamento de Galicia que a empresa pública investiu nos últimos 10 anos máis de 118 millóns de euros para mellorar a xestión dos residuos domésticos en Galicia e que prevé destinar outros 100 millóns no vindeiro lustro -ata 2030- para avanzar na dixitalización, modernizar as infraestruturas e equipamentos e optimizar o servizo que presta tanto á cidadanía como aos concellos adheridos ao seu modelo.
O representante da compañía dependente da Xunta compareceu hoxe na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos da Cámara autonómica, onde puxo en valor importantes actuacións como a ampliación das instalacións e da capacidade de xestión de refugallos do Complexo Medioambiental de Cerceda en 2019, que pasou de poder tratar 550.000 toneladas anuais a chegar ata o millón de toneladas.
Deste xeito, cun investimento de máis de 30 millóns de euros, o centro duplicou a súa capacidade e podería, en caso de ser necesario, atender todos os residuos urbanos producidos en Galicia. De feito, esa maior dimensión foi a que permitiu ao complexo asumir sen dificultade e comezar a xestionar desde o pasado 1 de xaneiro o lixo que lle entregan os concellos da Mancomunidade do Barbanza, co que Sogama presta servizo a 304 dos 313 municipios de Galicia e a máis de 2,3 millóns de habitantes.
Estes investimentos, lembrou Javier Domínguez, supuxeron a posta en marcha dunha nova planta 4.0 para a recuperación dos residuos reciclables contidos no lixo en masa e a remodelación da antiga instalación para facela máis eficiente e sostible.
O presidente da empresa pública tamén destacou fitos como a posta en marcha dunha rede de infraestruturas para a compostaxe da materia orgánica, cun investimento de 45 millóns de euros. Esa rede conta con catro plantas de biorresiduos (a coruñesa de Cerceda, a lucense de Cervo, a ourensá de Verín e a pontevedresa de Vilanova de Arousa) e 13 plantas de transferencia de apoio para que os concellos adheridos a Sogama conten cunha de compostaxe ou transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.
Na mesma liña, lembrou o especial protagonismo do tren como medio de transporte preferente para o lixo -dado que é máis sostible e xera menos emisións á atmosfera- ao pasar do concentrar o 25% do total en 2026 a máis da metade (55%) o ano pasado.
Plans de futuro
De cara aos próximos anos, Javier Domínguez puxo en valor que Sogama, de acordo co novo plan estratéxico, vai destinar máis de 100 millóns de euros entre este ano e 2030 para avanzar na transformación dixital, na incorporación da robotización e da intelixencia artificial aos procesos industriais, na xestión dos residuos téxtiles e na descarbonización do conxunto das actividades.
De feito, o proceso de dixitalización xa está en marcha cos proxectos Traza -para facer un seguimento exhaustivo do residuo desde que entra nas instalacións da empresa pública ata que sae convertido en recurso- e Portal do Cliente, unha plataforma que contará con todos eses datos para poñelos a disposición dos concellos, que poderán consultalos cando queiran en tempo real.
Outra das iniciativas destacadas para os vindeiros anos é a construción, xa en marcha, da primeira planta pública de clasificación de residuos téxtiles de España. As instalacións -tras un investimento de máis de 22 millóns de euros- contarán cunha capacidade inicial de 3.000 toneladas ao ano, ampliable a 24.000 toneladas, e darán emprego nunha primeira fase a entre 17 e 30 persoas, dando prioridade ás que teñan algunha discapacidade ou en situación de vulnerabilidade social.
A maiores, Sogama tamén prevé seguir avanzando na descarbonización dos procesos e substituír o uso dos combustibles fósiles (gas natural) por outros de fontes de enerxía renovable (biosecado), o que reduciría as emisións contaminantes á atmosfera e aumentaría o coidado e a protección do medio ambiente.
O máximo responsable da empresa pública puxo en valor o intenso traballo nos últimos 10 anos e destacou o empeño e o gran esforzo dos traballadores, accionistas, a colaboración dos concellos e o apoio dos distintos sectores sociais. Pola contra, lamentou os atrancos postos constantemente polo Goberno central con medidas e decisións que inciden na xestión económica de Sogama e repercuten, de xeito indirecto, nas entidades locais.
Javier Domínguez lembrou que, malia estes obstáculos e grazas ao apoio da Xunta, Sogama é unha empresa de referencia en Europa e no mundo no eido da xestión dos residuos de orixe urbana. Unha compañía, subliñou, con capacidade de adaptación aos desafíos, resistencia, capacidade de superación e visión de futuro.
Fonte: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático