- A empresa pública remitirá ao Concello outros tantos composteiros domésticos, con capacidade para 400 litros cada un, sumando 250 os achegados ata o de agora
- Tamén entregará igual número de cubos marróns domiciliarios para facilitar o traslado da fracción orgánica desde a cociña ao composteiro, que debe situarse no exterior da vivenda e en contacto directo coa terra
Cerceda, 14 de maio de 2026.- Medio cento de familias de Sanxenxo (Pontevedra) sumaranse, coa colaboración de Sogama, ao programa local de autocompostaxe logo de subministrar esta empresa pública outros tantos composteiros ao Concello, xunto con cubos domiciliarios marróns de 10 litros para facilitar o traslado da materia orgánica desde as cociñas ao recipiente, que en todo caso debe situarse no exterior das vivendas e en contacto directo co solo.
Con esta última entrega, serán 250 os composteiros achegados pola compañía ao municipio co fin de que cada vez sexan máis as vivendas que participen nesta iniciativa e que autoxestionen os residuos orgánicos en orixe mediante a súa conversión en compost, un abono natural de alta calidade con posteriores aplicacións en xardíns, hortas e terras de cultivo para dar unha nova vida.
Máis aló dos seus evidentes beneficios ambientais, con este programa preténdese reducir a cantidade de residuos depositados nos contedores das vías públicas, posibilitando que o ente local entregue menos toneladas a Sogama e, polo tanto, vexa diminuídos os custos.
Trátase de recuperar unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación de restos orgánicos para alimento dos animais domésticos ou ben para a elaboración de abono, pero dunha forma máis cómoda, eficiente e hixiénica.
Con carácter adicional ás explicacións achegadas polo Concello, os interesados dispoñen de toda a información sobre a operativa a seguir na páxina web da entidade www.sogama.gal, onde se describen os pasos a seguir para obter un compost de alta calidade que cumpra con todos os requisitos esixidos pola normativa vixente: desde a propia localización do composteiro, que debe estar en contacto coa terra para facilitar a entrada dos organismos descompoñedores, ata a relación de residuos que deben, e non deben, depositarse no mesmo, o seguimento e control de elementos que influirán en boa medida no resultado final tales coma o osíxeno, a temperatura e a humidade, así como as posibles aplicacións do abono resultante.
Saúdos, Departamento de Comunicación