- A empresa pública remitiu ao Concello medio cento de composteiros, así coma mesmo número de cubos marróns para repartir entre outras tantas vivendas
- Con esta dotación, xa son 350 as familias da localidade que autoxestionan os seus residuos orgánicos e obteñen o seu propio compost
- A Sociedade púxose ao dispor do ente local para impartir un curso presencial e explicar á veciñanza a operativa a seguir
Cerceda, 5 de marzo de 2026.- O Concello de Coristanco amplía a compostaxe doméstica a medio cento de familias, unha cifra que se suma ás 300 incorporadas no seu momento e interesadas en autoxestionar a súa materia orgánica e poñela en valor mediante a súa conversión en compos; un abono natural que non só achega nutrientes ao solo, senón que mesmo o protexe fronte a pragas e enfermidades.
O proceso, cunha arraigada tradición no rural galego, evolucionou e modernizouse a través do uso de composteiros e cubos específicos que Sogama proporciona ás entidades adscritas ao seu programa, con cobertura en toda a comunidade.
Con capacidade para 400 litros, e fabricado con materiais reciclados e reciclables, o composteiro debe situarse no exterior das vivendas, en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores e nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas. Ademais de facilitar a fermentación da materia orgánica, este recipiente propicia que a operativa no seu conxunto se leve a cabo de forma máis cómoda, hixiénica e eficiente, debendo encargarse o usuario de vixiar a mestura entre material húmido e seco a fin de que garde o equilibrio necesario, aireala e regala cando sexa preciso, e controlar parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, que influirán en gran medida no resultado final. Polo xeral, o abono obtido é de alta calidade e cumpre con todos os requisitos recollidos na normativa vixente para ser aplicado ao solo con garantías e sen restricións.
É imperativo que as vivendas que participen nesta iniciativa sexan unifamiliares e que dispoñan de terreo para pechar o ciclo de recuperación da materia orgánica, aplicando o compost resultante nas súas hortas e/ou xardíns. Con isto, evitarán tamén que o residuo orgánico, que vén ra epresentar preto do 40% da composición media dunha bolsa de lixo doméstico tipo, sexa depositado nos contedores das vías públicas e deba ser tratado en planta industrial, contribuíndo así ao aforro de custos.
Formación e escoita
Sogama púxose ao dispor do Concello para impartir un curso de formación presencial na localidade e explicar á veciñanza, dunha forma pormenorizada, o modus operandi, coa particularidade de que a xornada será aproveitada tamén para proporcionar información sobre a xestión sostible dos residuos no seu conxunto, resolver dúbidas, atender preguntas e, por suposto, escoitar e tomar boa nota das propostas e comentarios dos asistentes.
Saúdos, Departamento de Comunicación