- Un total de 212 dos 280 entes locais solicitantes, cumpriron alomenos un dos dous condicionantes esixidos: reducir, nun 1%, a produción de residuos respecto do ano inmediatamente anterior ou incrementar a achega á reciclaxe da bolsa amarela ou á compostaxe da marrón nun 3%
- Sumando as bonificacións e rebaixas aplicadas por Sogama entre os anos 2019 e 2023, estariamos a falar dun aforro para os entes locais de preto de 27,8 M€
- O canon de 2026 actualizouse unicamente co IPC correspondente e a empresa dará continuidade á mesma operativa, volvendo a asumir a Xunta unha parte do mesmo co fin de incentivar aos concellos que traballan por unha xestión máis sostible dos seus residuos
Cerceda, 24 de febreiro de 2026.- Logo de culminar a análise de datos do ano 2025 por parte de Sogama, conclúese que, dos 280 concellos que se acolleron ao canon reducido da bolsa negra ou fracción resto (95 €/Tn), condicionado ao cumprimento de requisitos (reducir, nun 1%, a produción de residuos respecto do ano inmediatamente anterior ou incrementar, nun 3%, a achega á reciclaxe da bolsa amarela -envases de plástico, latas e briks- ou á compostaxe da marrón -materia orgánica recollida a través do contedor de leste mesma cor-), un total de 212 lograron satisfacer alomenos un destes condicionantes, beneficiándose dun aforro económico de 7.648.885,7 €.
Dos 212 municipios que cumpriron, 49 pertencen á provincia da Coruña, 41 á de Lugo, 80 á provincia de Ourense e 42 á de Pontevedra.
Pola súa banda, 68 concellos non lograron cumprir as esixencias (24 da Coruña, 18 de Lugo, 12 de Ourense e 14 da provincia de Pontevedra), polo que Sogama lles refacturará a diferenza entre o canon xenérico e o reducido, supoñendo un importe total de 2.226.255 €.
Incentivo da Xunta fronte á sanción do Estado
A aplicación de impostos á vertedura e á incineración por parte do Estado, así como a adopción doutras medidas que lesionaron gravemente as contas de Sogama (eliminación da retribución ao investimento da planta termoeléctrica, redución da retribución á explotación da planta de coxeración e recuperación do imposto eléctrico do 7%), obrigaron á empresa a subir o canon o pasado ano para salvagardar a súa viabilidade.
Estableceuse así un canon xenérico de 108 €/Tn e un reducido de 95 €/Tn, posible grazas a que a Xunta, para minimizar o negativo impacto sobre as arcas locais e as economías familiares, decidiu asumir o 60% da subida, é dicir, 25 €/Tn (13 €/Tn, que é a diferenza entre o canon xenérico e o reducido, e 12 €/Tn procedente do Fondo de Compensación Ambiental), incentivando desta forma o esforzo dos concellos na menor xeración de residuos e/ou na maior recuperación de materiais a través da súa reciclaxe ou compostaxe. En definitiva, aplicando con coherencia o que defendeu durante o período de exposición pública da lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e chans contaminados para unha economía circular, ao considerar que era o incentivo e non a sanción a vía para incrementar a reciclaxe.
Cómpre lembrar que, entre os anos 2019 e 2022, Sogama aplicou unha bonificación do 10% no canon para aqueles concellos que cumpriron requisitos, cunha rebaixa adicional para todos eles, tamén en 2022, do 5%. En 2023, a bonificación incrementouse ata o 15%, sendo unha das esixencias inherentes á mesma a implantación do contedor marrón para a recollida diferenciada da materia orgánica. Todo isto propiciou un aforro para os entes locais de máis de 20 M€, que, xunto cos resultados de 2025, suma un importe de preto de 27,8 M€.
2026: mantense o apoio aos concellos
Coa pretensión de seguir premiando aos concellos que traballan para xestionar os seus residuos de forma máis sostible, o canon de 2026, publicado no DOG o pasado 5 de febreiro, e que unicamente se actualizou co IPC correspondente, resultando un canon xenérico de 111,13 €/Tn e un reducido de 97,76 €, contempla, no caso deste último, os mesmos requisitos que o ano anterior, e volverá ser a Xunta a que financiará unha parte ante a negativa do Goberno central de dar marcha atrás nas súas pretensións.
Aínda así, o canon de Sogama continúa a ser o máis barato de toda España para plantas da súa tipoloxía.
Saúdos, Departamento de Comunicación