- Suman un total de 284 (4 máis que en 2025) e, do mesmo xeito que o pasado ano, deberán dar cumprimento a un destes requisitos: reducir, nun 1%, a entrega de bolsa negra ou incrementar, nun 3%, a achega á reciclaxe da amarela ou á compostaxe da marrón
- A opción de canon reducido (97,76 €/Tn) mantense grazas a que a Xunta seguirá asumindo a diferenza económica co xenérico (111,13 €/Tn), á vez que achegará aos entes locais 12 €/Tn procedentes do Fondo de Compensación Ambiental, podendo baixar o custo real ata os 85 €/Tn
- Con esta medida, os concellos lograrían aforrar preto de 10 M€
Cerceda, 10 de marzo de 2026.- Un total de 284 dos 295 concellos que en 2025 estaban adscritos a Sogama, é dicir, o 96%, solicitaron o canon reducido aplicado pola empresa pública este ano, suxeito ao cumprimento dos mesmos requisitos do exercicio anterior: reducir a entrega de bolsa negra nun 1% ou incrementar, nun 3%, a achega á reciclaxe da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks) ou á compostaxe da marrón (materia orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor do mesma cor).
Son 4 entes locais máis que o ano pasado (280) os que se acolleron ao canon reducido, podendo chegar a aforrar preto de 10 M€; unha opción que se mantén en 2026 grazas a que a Xunta seguirá asumindo a diferenza económica respecto do canon xenérico (111,13 €/Tn), coa particularidade de que, adicionalmente, achegará aos entes locais ao redor de 12 €/Tn procedentes do Fondo de Compensación Ambiental, posibilitando que o custo real para estes poida baixar ata os 85 €/Tn.
Con esta medida, o Goberno Autonómico pretende seguir aliviando a presión sobre as arcas municipais e as economías familiares tras a decisión do Estado de establecer, a partir de xaneiro de 2023, impostos á vertedura e á incineración, e de suprimir, de forma unilateral, a retribución ao investimento da planta termoeléctrica do Complexo Medioambiental de Cerceda, comprometida ata 2026, de reducir a retribución á explotación da planta de coxeración e de recuperar o imposto eléctrico do 7%.
Impulso á compostaxe dos biorresiduos
Cómpre lembrar que o canon pola xestión da materia orgánica nas plantas de biorresiduos de Sogama sitúase en 52,89 €/Tn, un importe moi inferior ao da bolsa negra, de aí que os concellos que implanten o contedor marrón ou que incrementen a achega ao mesmo, poderán diminuír custos, tendo en conta que a materia orgánica representa preto do 40% da composición media dunha bolsa de lixo doméstica tipo. Se a isto se engade unha mellor recollida selectiva e, polo tanto, maiores ingresos procedentes das entidades recicladoras, o aforro poderá ser moi superior.
Saúdos, Departamento de Comunicación