- O goberno autonómico asumirá a diferenza de custo entre o canon xeral e o reducido, á vez que distribuirá entre todos os entes locais un total de 12 M€ procedentes do Fondo de Compensación Ambiental
- Os concellos adheridos ao sistema de xestión de residuos da Xunta dispoñen de 1 mes para solicitar o canon reducido, supeditado ao cumprimento dos mesmos requisitos do pasado ano: reducir, nun 1%, a entrega de bolsa negra ou incrementar, nun 3%, a reciclaxe da bolsa amarela ou a compostaxe da marrón
- Con todo, e malia a actualización do importe co IPC deste ano, o canon de Sogama continuará a ser o máis barato de España para plantas da súa tipoloxía
Cerceda, 9 de febrero de 2026.- O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado xoves, 5 de febreiro, o canon de Sogama para este ano (bolsa negra ou fracción resto), cuxo importe se actualiza unicamente co IPC, manténdose a opción de canon reducido, que queda supeditada aos mesmos requisitos que en 2025, debendo solicitalo no prazo de 1 mes.
Isto é posible grazas a que a Xunta, do mesmo xeito que o pasado exercicio, asume a diferenza de custo entre o canon xeral (111,13 €/Tn en 2026) e o reducido (97,76 €/Tn en 2026), á vez que distribuirá un total de 12 millóns de euros procedentes do Fondo de Compensación Ambiental entre todos os concellos galegos (ao redor de 12 €/Tn). Deste xeito, o custe real para aqueles que cumpran requisitos será de 85,76 €/Tn.
En 2025, un total de 280 dos 295 municipios adheridos ao sistema Sogama, solicitaron en prazo acollerse ao canon reducido, supeditado ao cumprimento dun destes dous requisitos (os mesmos que rexerán este ano 2026): reducir, nun 1%, a entrega de bolsa negra a Sogama (fracción resto) ou incrementar, nun 3%, a reciclaxe da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks) ou a compostaxe da materia orgánica recollida a través do contedor marrón.
Malia a actualización do canon co IPC deste ano, o de Sogama continuará a ser o máis barato de España para plantas da súa tipoloxía grazas á aportación da Xunta de Galicia.
Golpe ás contas de Sogama por parte do Estado
Cómpre lembrar que a subida do canon de Sogama enmarcouse na implantación dos tributos á vertedura e á incineración, contemplados na lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que se fixeron efectivos a partir de xaneiro de 2023.
Esta empresa pública soportou entón, en solitario e cos seus propios fondos, uns impostos que ascenderon a 9 millóns de euros, confiando en que o goberno central recapacitase ao respecto, toda vez que a medida foi fortemente contestada e rexeitada polo sector. Tamén a Xunta mostrou a súa frontal oposición aos devanditos tributos no período de alegacións á lei, ao considerar que era o incentivo, e non a sanción, a medida máis efectiva para impulsar a reciclaxe.
O Estado, non só seguiu adiante coas súas pretensións, senón que adoptou unha serie de decisións que lesionaron gravemente as contas de Sogama ata o punto de poñer en risco o seu equilibrio económico-financeiro, que foi estable desde o ano 2015, permitíndolle facer investimentos por máis de 100 millóns de euros para prestar un servizo máis eficiente e de maior calidade.
Entre as medidas adoptadas polo goberno central, cabería destacar a supresión da retribución ao investimento da planta termoeléctrica, comprometida ata este ano 2026, deixando de ingresar Sogama por este concepto ao redor de 18 millóns de euros anuais, á vez que reduciu a retribución á explotación da planta de coxeración e recuperou o imposto eléctrico do 7%.
O golpe financeiro que isro supuxo para a empresa pública, obrigouna a suprimir a bonificación do canon en 2024, que se aplicou con éxito en anos anteriores para incentivar a redución e a reciclaxe, permitindo aos Concellos un aforro económico de máis de 20 millóns de euros, así como a revisar o canon aplicado en 2024 e a retomar unha nova actualización do mesmo en 2025.
Taxa de lixo municipal non deficitaria
A todo iso sumouse a obrigación para os entes locais, tamén recollida na lei 7/2022, de que, a partir de abril de 2025, a taxa de lixo municipal non podería ser deficitaria e contemplase todos os custos do servizo (desde a compra de contedores ata o transporte, combustible e mesmo campañas de formación e concienciación).
Saúdos, Departamento de Comunicación