- O primeiro, na categoría de Educación Primaria, co seu traballo “Renova a enerxía, renova ou mundo” e, o segundo, na de Educación Infantil, coa obra “Coidar a nosa contorna cos 3 e RRes”
- Ambos foron recoñecidos con premios en metálico de 1.500 euros cada un, importe que deben investir en material didáctico e/ou accións medioambientais
- Pola súa banda, o colexio de Educación Especial “Manuel López Navalón” de Santiago, recibiu un accésit (diploma) polo seu cartel “Dalle vida ao teu lixo”
Cerceda, 25 de xuño de 2026.- O colexio Maristas de Tui (Pontevedra) e o CRA de Bergondo (A Coruña) proclamáronse gañadores do concurso de carteis de reciclaxe enmarcado no programa “Recíclate con Sogama” 2025-2026. O primeiro, na categoría de Educación Primaria e, o segundo, na de Infantil.
Ambos recibiron desta empresa pública premios en metálico por importe de 1.500 euros cada un, que deberán destinar á adquisición de material didáctico e/ou accións educativas.
Pola súa banda, o Centro de Educación Especial (CEE) Manuel López Navalón de Santiago de Compostela, fíxose cun accésit (diploma) como recoñecemento ao traballo realizado con motivo deste certame.
No caso do colexio de Tui, a pretensión do seu cartel, identificado co título “Renova a enerxía, renova ou mundo”, era axuntar reciclaxe e enerxía, incidindo en que contribuír á reciclaxe supón tamén un aforro no consumo enerxético, ademais dunha menor extracción de materias primas virxes.
Co traballo “Coidar a nosa contorna cos 3 e RRes”, o Colexio Rural Agrupado (CRA) de Bergondo (A Coruña) incidiu na importancia da prevención para evitar que os residuos cheguen a producirse e, unha vez xerados, separalos por tipoloxías e depositalos nos contedores de recollida selectiva, aos que puxeron nome: “Papelín”, de cor azul, para papel e cartón; “Vidrín”, iglú verde, para botellas, frascos e tarros de vidro; “Plastiquín”, de cor amarela, para envases de plástico, latas e briks, e “Organiquín”, de cor marrón, para a materia orgánica.
O CEE Manuel López Navalón de Santiago de Compostela reflectiu no seu cartel “Dalle vida ao teu lixo” a propia reciclaxe de cada unha das fraccións, convertendo o papel e cartón do contedor azul nunha maceta para unha planta, que se nutre co abono do compostador, régase cunha botella de vidro reciclado e identifícase cunha etiqueta fabricada con plástico reciclado.
Sobre Recíclate con Sogama
Operativo desde hai 14 anos, este programa, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, ten por obxectivo formar ao alumnado no principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e instaurar a recollida selectiva de residuos nas aulas a fin de que os comportamentos ambientais adquiridos na escola poidan ser trasladados tamén á contorna familiar e social dos pequenos.
Durante o curso 2025-2026, este programa orientouse a Educación Infantil, Educación Especial e Educación Primaria, acollendo un total de 25 centros de distintos puntos de Galicia. A todos eles subministróuselles illas de reciclaxe, conformadas cada unha por catro contedores de recollida selectiva con capacidade para 120 litros (amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; marrón, para materia orgánica; e verde xenérico, para a fracción resto). Tamén se dotou con composteiros a aqueles colexios que dispoñían de servizo de comedor, así como de terreo (horta ou xardín) no que aplicar o compost resultante.
Educadores de Sogama realizaron varias visitas de seguimento presenciais aos centros para asesoralos no desenvolvemento dos seus proxectos de reciclaxe e resolver dúbidas, encargándose tamén de impartir talleres e sesións formativas, que foron reforzadas con diverso material didáctico e divulgativo (vídeos, titoriais para o profesorado, guías adaptadas a cada nivel educativo, etc). E todo isto complementado co concurso de carteis de reciclaxe, cuxa pretensión é que, cos seus debuxos e mensaxes, os pequenos difundan os beneficios de converter os residuos en recursos.
Saúdos, Departamento de Comunicación