- A experiencia reportada polos visitantes, e acreditada a través de enquisas de satisfacción, é sumamente positiva, xa que lles permite coñecer in situ, e en tempo real, o tratamento que reciben os residuos xestionados nesta infraestrutura, desde que entran ata que saen da mesma convertidos en recursos
Cerceda, 16 de febreiro de 2026.- Ademais de epicentro da xestión sostible dos residuos urbanos producidos na meirande parte do territorio galego, o Complexo industrial de Sogama en Cerceda (A Coruña) logrou configurarse como exemplo de transparencia e referente na educación ambiental logo de recibir máis de 89.000 visitas nos últimos anos.
A experiencia reportada polos visitantes, e acreditada a través das enquisas de satisfacción, é sumamente positiva, xa que lles permite coñecer in situ, e en tempo real, o tratamento que reciben os residuos xestionados nesta infraestrutura, desde que entran ata que saen da mesma convertidos en recursos.
Os envases de plástico, as latas e os briks recollidos a través do contedor amarelo, son separados por materiais nunha planta automática de clasificación e prensados en balas para o seu posterior envío aos centros recicladores, onde se converten en novas materias primas coas que se fabricarán novos produtos.
A fracción resto recollida a través do contedor xenérico, sepárase por tamaños e recupéranse, con tecnoloxía 4.0, os materiais reciclables para a súa remisión á industria transformadora. A parte non reciclable acondiciónase en forma de combustible (CDR) para ser valorizada nunha planta termoeléctrica e convertida en enerxía eléctrica que se incorpora á rede e coa que se podería abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Dado que no Complexo rexe un estrito protocolo de seguridade, os menores de 18 anos, ademais de recibir as explicacións de monitores especializados, reforzadas con distintos recursos didácticos, efectúan a visita a través de realidade virtual, sendo equipados para isto con lentes inmersivas 360º. No caso dos maiores de 18, adicionalmente poden realizar o percorrido guiado a pé.
Antes de finalizar a visita, que ten unha duración media de dúas horas, resérvase un espazo de carácter lúdico para que os visitantes poidan poñer a proba, dunha forma divertida e amena, o apreso, abordando tamén un coloquio para que os integrantes dos distintos colectivos poidan consultar dúbidas, facer preguntas, propostas de mellora e mesmo poñer en común reflexións e opinións sobre a mellor xestión dos residuos.
Saúdos, Departamento de Comunicación