- Así o manifestou o presidente de Sogama durante a súa intervención no II Congreso de Cidades Intelixentes e Economía Circular que hoxe e mañá se celebra no Pazo da Cultura de Pontevedra
- Logo de dar a coñecer os pormenores do plan estratéxico corporativo 2025-2030, Javier Domínguez detívose en explicar o proceso de transformación dixital no que se atopa inmersa a compañía e co que pretende gañar en eficiencia e produtividade
- Dentro deste plan, referiuse expresamente ao proxecto Traza, que rexistra todos os datos relativos á rastrexabilidade do residuo, desde que entra nas instalacións ata que sae das mesmas convertido en recurso, e Portal do Cliente, canle de comunicación por excelencia cos concellos a través do cal estes poderán consultar en tempo real a información do seu interese
Pontevedra, 11 de xuño de 2026.- O presidente de Sogama participou como relator no II Congreso de Cidades Intelixentes e Economía Circular que hoxe e mañá se celebra no Pazo da Cultura de Pontevedra e fíxoo para falar da Xestión Intelixente dos Residuos, toda vez que esta empresa pública atópase inmersa nun proceso de transformación dixital co que pretende gañar en eficiencia, prestacións e transparencia.
No transcurso da súa alocución, Javier Domínguez detívose en explicar os pormenores do novo plan estratéxico da Sociedade 2025-2030 no que, ademais da dixitalización, cobra protagonismo a descarbonización industrial e a xestión de novas fraccións de residuos, como é o caso do téxtil.
Neste sentido, avanzou que, a finais deste mes, culminará a parte financiable, con fondos europeos, da obra que Sogama está a executar no seu Complexo Medioambiental de Cerceda correspondente á que será a primeira planta de clasificación de residuos téxtiles de España, á que se destina un investimento de máis de 22 millóns de euros. Cunha capacidade inicial para 3.000 toneladas anuais, ampliable ata 24.000 toneladas, esta instalación, ademais de incrementar os índices de reciclaxe en Galicia, contribuirá ao emprego coa creación, nunha primeira fase, de entre 17 e 30 postos de traballo, que serán ocupados, con carácter preferente, por persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
R-Dixital: información e inmediatez ao servizo do cliente
En canto ao propio Plan de transformación dixital, bautizado coa denominación R-DIXITAL, explicou que representará para a compañía un gran paso cara á sostibilidade, xa que mellorará a produtividade mediante a redución de tarefas manuais repetitivas, alertará sobre situacións que poidan levar a erros operativos, propiciará unha mellor coordinación entre os membros do equipo profesional, permitirá centralizar datos e visualizalos en cadros de mando flexibles, e optimizará as relacións de Sogama cos entes locais aos que dá servizo, achegándolles información de alto valor que lles resultará de utilidade na toma de decisións.
Dentro de R-Dixital, Domínguez Lino aludiu a dous proxectos: Traza, que é a plataforma central de xestión que integrará a rastrexabilidade do residuo, desde que entra nas instalacións de Sogama ata que sae das mesmas convertido en recurso, e Portal do Cliente, que se nutrirá coa información emanada de Traza, erixíndose na canle de comunicación por excelencia cos 304 concellos adheridos, os cales poderán acceder á información do seu interese en tempo real.
A través do Portal do Cliente ofrecerase un servizo de Chatbot baseado en Intelixencia Artificial (IA), dispoñible as 24 horas do día e os 7 días da semana, capaz de manter unha conversación ao momento, posibilitando que os usuarios realicen consultas e obteñan os datos que precisan, eliminando deste xeito os tempos de espera.
A fin de explicar con exemplos esta plataforma, o presidente de Sogama mostrou con diferentes imaxes a súa estrutura e operativa, presentación de datos e combinacións posibles dos mesmos para dar resposta ás demandas dos entes locais.
Saúdos, Departamento de Comunicación