- A Sociedade Galega do Medio Ambiente vén de publicar un vídeo resumo da súa folla de roteiro para os próximos anos e coa que pretende apoiar a transición de Galicia cara a unha verdadeira economía circular
- Transformación dixital, xestión de novas fraccións de residuos e descarbonización dos procesos industriais, son os eixos básicos du plan de acción orientado tamén a xerar valores
Cerceda, 11 de marzo de 2026.- Sogama vén de lanzar un vídeo resumo do seu Plan Estratéxico 2025-2030, bautizado co título “Estratexia C”. A través do mesmo avanza as que serán as principais liñas de traballo e obxectivos para os próximos anos, dando resposta ás demandas e necesidades dunha contorna en constante cambio e evolución, con novos retos e esixencias.
O fin último desta folla de roteiro é precisamente apoiar e colaborar na transición de Galicia cara á verdadeira economía circular. Para isto, a empresa pública pretende reducir a súa pegada de carbono, mellorar as súas instalacións para achegar enerxía renovable, circular e limpa, ao mix enerxético que se consome na comunidade, transformar os residuos en recursos e proporcionar aos seus clientes, os concellos, información crave que lles permita mellorar a súa xestión e mesmo adiantarse ás futuras esixencias normativas, levando a cabo un servizo máis eficiente.
Avanzar cara a unha Galicia sostible na que se garanta o benestar e a calidade de vida dos cidadáns, constitúe a razón de ser deste plan estratéxico a cinco anos vista ,que se sustenta en tres eixos: a transformación dixital, focalizada cara a obtención de datos precisos, veraces e axustados á realidade, que axudarán en gran medida na toma de decisións e diminuirán erros humanos; a xestión de novas fraccións de residuos, como é o caso do téxtil, poñendo en marcha a que será a primeira planta pública de clasificación de refugallos téxtiles de España; e a descarbonización dos procesos, substituíndo o uso de gas natural por un biosecado.
Cun investimento de 100 millóns de euros, este plan tamén seguirá traballando na educación, formación e concienciación ambiental da poboación na xestión sostible dos residuos e a xeración de valores, contribuíndo a un futuro circular.
Vídeo Estratexia C: https://www.youtube.com/watch?v=xg2DbtPSmxk
Saúdos, Departamento de Comunicación