
- O obxectivo desta iniciativa educativa é instaurar a xestión sostible dos residuos urbanos nas aulas a través da práctica dos tres erres, contando para isto coa colaboración desta empresa pública a través da dotación de medios, formación e asesoramento
- Poderán presentar as súas propostas os centros educativos de infantil e primaria adscritos á Xunta e que pertenzan a algún dos 295 concellos que entregan os seus residuos a Sogama
Cerceda, 22 de setembro de 2025.- O prazo de presentación de candidaturas para participar no programa “Recíclate con Sogama” 2025-2026, enmarcado no Plan Proxecta da Xunta de Galicia, finaliza o vindeiro venres, 26 de setembro. Poderán presentar as súas propostas os centros educativos de infantil e primaria adscritos á Xunta e que pertenzan a algún dos 295 concellos que entregan os seus residuos a Sogama.
Do mesmo xeito que en edicións anteriores, o obxectivo de Recíclate con Sogama é instaurar a xestión sostible dos residuos urbanos nas aulas a través da práctica dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe). Para isto, a empresa proporcionará aos colexios distintos medios materiais e didácticos para que fagan efectivos os seus respectivos proxectos, e porá a disposición dos docentes un equipo de educadores ambientais encargado de prestar asesoramento e de facer un seguimento dos traballos desenvolvidos nas aulas a través de visitas periódicas de seguimento.
A pretensión última é que a prevención, a menor xeración de refugallos, o alongamento da vida útil dos produtos e a separación dos residuos por tipoloxías, seguida polo seu posterior depósito nos contedores axeitados para que sexan reciclados, constitúan hábitos cotiáns na escola e que, ademais, se extrapolen ao ámbito familiar e social dos pequenos, de tal forma que haxa unha continuidade nos comportamentos respectuosos co medio ambiente.
O número máximo de centros que poderán formar parte do programa de Sogama para este curso é de 25, dando prioridade aos que non tiveran participado en edicións anteriores.
Más información en https://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta
Sobre o Plan Proxecta
Trátase dunha iniciativa de innovación educativa da Xunta de Galicia que promove a participación dos centros escolares en programas e proxectos que complementan o currículo oficial, á vez que busca fomentar metodoloxías activas, interdisciplinarias, colaborativas, e centradas en competencias e valores.
Desta forma, o Plan Proxecta ten por obxectivos ofrecer programas educativos innovadores en distintos ámbitos; crear un marco común de colaboración entre entidades e centros; fixar criterios metodolóxicos e organizativos comúns; fomentar a educación en valores, igualdade e sostibilidade; recoñecer o traballo docente en innovación; facilitar a integración destes programas na planificación académica e xerar unha rede de centros cooperativos e interdisciplinares.
En todo caso, o plan busca impulsar a innovación educativa, fomentar as competencias clave, integrar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 e promover a cooperación entre centros e profesorado.
Saúdos, Departamento de Comunicación