- O evento, que arrincou hoxe no recinto feiral de Galicia ABANCA, no municipio pontevedrés de Silleda, estará activo ata o venres, 27 de marzo
- A comitiva fixo unha parada no expositor de Sogama para coñecer algunhas das novidades da súa actividade, lembrando que a entidade produce, a partir dos residuos non reciclables, enerxía eléctrica 50% renovable
Silleda, 25 de marzo de 2026.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez, asistiu esta tarde ao acto inaugural da quinta edición da feira de enerxía Enerxétika 2026, un evento de carácter bienal, apoiado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Industria e Innovación, que arrincou hoxe no municipio pontevedrés de Silleda (Feira Internacional de Galicia ABANCA) e no que durante tres días, é dicir, ata o venres, 27 de marzo, participarán compañías e institucións do sector enerxético.
Trátase dun foro de encontro para empresas e profesionais, centrado no presente e o futuro da enerxía, nunha contorna que combina negocio, innovación, interacción e análise, circunstancia que posicionou a Enerxétika como todo un referente para medir a transformación que está a experimentar o sector enerxético e que fai imprescindible a converxencia de todos os actores implicados para mostrar e comprender o novo paradigma enerxético, que chegou para quedarse.
O certame contará novamente coa celebración paralela de ExpoMunicipal, o que permitirá unir o sector da enerxía co dos servizos municipais. De feito, esta dobre cita feiral, de gran potencial, representa un importante atractivo para distintos perfís de visitantes.
Parada no expositor de Sogama
O acto inaugural, que estivo presidido polo Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, contou coa participación do delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; o deputado de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural e Cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela; a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández; a directora de zona Deza-Tabeirós de ABANCA, Rocío Brea; e o director da Feira, Ricardo Durán, sumándose, no percorrido posterior, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández; e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto.
A comitiva fixo unha parada no stand de Sogama para coñecer algunhas das novidades da actividade desta empresa pública, destacando a súa contribución á xeración de electricidade (50% renovable) a partir da fracción non reciclable contida nos residuos, evitando a súa vertedura. De feito, a enerxía producida en Sogama equivale ao consumo do 10% dos fogares galegos.
Non obstante, e máis aló deste labor, os monitores que atenden o stand da Sociedade, explican aos visitantes as iniciativas educativas e de concienciación ambiental que a empresa leva a cabo ao redor do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), incluíndo a compostaxe, tanto industrial como doméstica.
Saúdos, Departamento de Comunicación