- Javier Domínguez foi invitado pola organización para explicar os pormenores do proceso de transformación dixital que a Sociedade Galega do Medio Ambiente está a levar a cabo co fin de prestar un servizo público máis eficiente
Cerceda, 8 de xuño de 2026.- De novo, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, foi invitado a participar como relator no II Congreso de Cidades Intelixentes e Economía Circular, que se celebrará os días 11 e 12 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra.
En concreto, a intervención do máximo responsable desta empresa pública terá lugar este xoves, a partir das 16.20 horas, e enmárcase no bloque temático relativo ao papel que a dixitalización desempeña no uso óptimo dos recursos, a rastrexabilidade dos materiais e residuos a través de distintas tecnoloxías (loT, blockchain e big data), e como a intelixencia artificial e os xemelgos dixitais poden mellorar a eficiencia dos procesos produtivos, reducir as emisións e impulsar novos modelos de negocio circulares.
Abordarase así o uso da tecnoloxía como panca crave para acelerar a transición cara a unha economía máis sostible, resiliente e competitiva e, no caso concreto de Sogama, Javier Domínguez debullará o proceso de transformación dixital que a Sociedade está a implantar dentro do seu plan estratéxico 2025-2030.
Non obstante, o congreso profundará igualmente noutras áreas tales como a sostibilidade urbana, a mobilidade intelixente, así como a gobernanza e participación cidadá na toma de decisións.
En todo caso, o obxectivo desta cita é xerar un espazo de aprendizaxe e colaboración que impulse a transición cara a cidades máis intelixentes, sostibles, circulares e preparadas para o futuro, tendo en conta os desafíos aos que deben enfrontarse derivados do crecemento urbano, o cambio climático e a presión sobre os recursos naturais.
Deste xeito, debaterase sobre as aplicacións da Intelixencia artificial para mellorar a eficiencia dos servizos públicos, anticipar necesidades e optimizar recursos. Tamén se exporán as solucións tecnolóxicas e de deseño inclusivo que garanten contornas accesibles para toda a cidadanía, e daranse a coñecer os destinos turísticos máis eficientes e inclusivos a través da innovación tecnolóxica, a xestión de espazos costeiros mediante sensores, datos e servizos dixitais, ferramentas avanzadas de simulación que permiten modelizar o comportamento urbano e optimizar a toma de decisións en tempo real, e a dixitalización responsable para reutilizar, reparar e reciclar.
Toda a información en citigal.es
Saúdos, Departamento de Comunicación