- A intervención de Javier Domínguez enmárcase no V Encontro ESGREM, no que, ademais da xestión dos residuos téxtiles, abordarase o papel da valorización enerxética, a recollida selectiva de biorresiduos e a xestión de envases
- O evento contará tamén coa presenza de Margarita Ruiz Saiz-Aja, subdirectora xeral de Residuos do MITERD, quen se encargará de explicar a folla de roteiro do Goberno cara ao cumprimento dos obxectivos legais en materia de xestión de residuos municipais
Cerceda, 21 de abril de 2026.-O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, viaxará a Albox (Almería) para participar no V Encontro organizado por ESGREM (Entes Supramunicipais para a Xestión de Residuos Municipais), que terá lugar os días 27 e 28 de abril, sendo o seu obxectivo analizar a situación actual da xestión dos residuos municipais en España.
En concreto, a intervención do máximo responsable desta empresa pública terá lugar no marco dunha mesa redonda que, baixo o título “Impulso á reciclaxe de residuos téxtiles: Responsabilidade ampliada, empresas sociais e infraestruturas necesarias”, será conducida e moderada por Albert Alberich, experto e ex director de Moda-re, contando tamén coas achegas de Ángel Álvarez, xefe de Recollida de residuos urbanos da Comarca de Pamplona, e Ángel Rodríguez, xerente do Consorci de Ribera i Valldigna.
Alí, Domínguez Lino dará conta dos pormenores da planta de clasificación de residuos téxtiles que a compañía está a construír no Complexo Medioambiental de Cerceda e que se distingue por ser a primeira planta pública destas características no territorio español.
A comitiva que inaugurará o evento o día 27 de abril, estará conformada por Antonio Martinez Pascual, presidente do Consorcio Almanzora-Levante-Vélez; Mª del Mar Alfonso Pérez, alcaldesa de Albox; Mª Carmen Jiménez Parrado, directora xeral de Sostibilidade Ambiental e Economía Circular da Junta de Andalucía; e Leandro Barquín, director da Fundación Fòrum Ambiental.
Tralo acto de benvida, será Margarita Ruiz Saiz-Aja, subdirectora xeral de Residuos do MITERD, a encargada de explicar a folla de roteiro do Goberno cara ao cumprimento dos obxectivos legais en materia de xestión de residuos municipais.
Acto seguido, e logo dunha introdución que realizará Paz Orviz, xerente de Cogersa, Albert Planell, director da Agència de Residus de Catalunya, abordará a estratexia territorial e gobernanza para a xestión de residuos municipais, incidindo na transición do peche de vertedoiros á prevención.
Pola súa banda, a recollida selectiva de biorresiduos como política prioritaria para alcanzar os obxectivos de reciclaxe e limitación de vertedura, será outra das temáticas a tratar nunha mesa redonda que moderará Nieves Seijo, xefa de Sección de Residuos de PROMEDIO, que estará acompañada por Álvaro Feliu, experto e asesor de ESGREM, e Carlos Vázquez, director de Limpeza e Xestión de Residuos do Concello de Barcelona.
O papel da valorización enerxética tamén ocupará un lugar salientable no programa da xornada a través dunha mesa, conducida por Noemí Iglesias, directora de Infraestruturas e planificación do Consorci per a gestió de residus do Vallès Occidental, que se nutrirá cos coñecementos e experiencia de César Gimeno, director xeral de GHK, e Carles Salesa, experto e director de CADEVA.
Así mesmo, examinarase a xestión de residuos de envases por parte de Jordi Vilaró, xerente da Mancomuntat d'Escombraries de l'Urgellet; Pedro Ruiz, director xeneral de MARE; Ángel Castillo, director técnico do Consorcio Provincial RSU Málaga; e José Manuel Labrador, xerente do Consorcio RSU Ciudad Real.
Sobre ESGREM
Trátase dun grupo de traballo, constituído en xaneiro de 2021 e coordinado pola Fundación Fórum Ambiental, que hoxe conta con 41 entidades participantes formadas por consorcios, mancomunidades comarcas, consells insulars, deputacións e áreas metropolitanas repartidas por toda a xeografía española e que dan servizo a máis de 21 millóns de persoas.
Esta entidade creouse no seu momento precisamente para potenciar e formalizar a cooperación e coordinación das entidades locais supramunicipais dedicadas á xestión de residuos en España, que acumulan un coñecemento e experiencia únicos neste eido.
Saúdos, Departamento de Comunicación