- Así se desprende dunha enquisa promovida polo BEI, en colaboración con YouGov, para coñecer o posicionamento dos cidadáns fronte ao cambio climático, tanto na Unión Europea como en Estados Unidos e China.
- Mentres que o 31% dos europeos considera que son os cidadáns os responsables de liderar a loita fronte ao cambio climático, para o 40% dos chinos e unha cuarta parte dos estadounidenses, a responsabilidade debe recaer en organizacións internacionais.
- Pola súa banda, o 69% dos españois móstrase disposto a clasificar os seus residuos e ao reciclar, o 44% aposta por minimizar a xeración de lixo e o 42% pretende utilizar máis a miúdo o transporte público en lugar do automóbil.
Cerceda, a 15 de xaneiro de 2019.- Con carácter previo á conferencia mundial sobre o clima, COP24, celebrada en Polonia en decembro do pasado ano, o Banco Europeo de Investimentos (BEI), en colaboración coa empresa de opinión pública mundial YouGov, levou a cabo a terceira edición da enquisa sobre o clima, única na súa tipoloxía, para coñecer o posicionamento dos cidadáns fronte ao cambio climático, tanto na Unión Europea como en Estados Unidos e China.
Os resultados arroxados pola enquisa revelan que, mentres o 31% dos europeos considera que son os cidadáns os responsables de liderar a loita fronte ao cambio climático, asumindo que as contribucións individuais poden ser tan importantes como as accións promovidas por organismos públicos, para o 40% dos chinos e unha cuarta parte dos estadounidenses, a responsabilidade debe recaer en organizacións internacionais tales como Nacións Unidas ou o propio Banco Mundial.
Entre as distintas accións coas que os cidadáns en xeral consideran que se pode facer fronte ao cambio climático, figura, como a máis popular, a reciclaxe, cun 66%, seguida da redución de residuos, cun 48%, e a compra de alimentos locais ou de tempada, cun 47%. A acción menos popular é a diminución da frecuencia de viaxes en avión, toda vez que só o 11% dos europeos están dispostos a levala a cabo.
COMPROMISO DOS ESPAÑOIS
Neste sentido, o 69% dos españois móstranse dispostos a clasificar os seus residuos en orixe e a reciclar durante o presente ano. O 44% aposta por minimizar a xeración de lixo, mentres que o 42% móstrase proclive a utilizar máis a miúdo o transporte público en lugar do automóbil.
Non obstante, tamén figuran outras accións tales como comprar alimentos locais e de tempada sempre que sexa posible (42%), deixar de adquirir produtos fabricados con materiais plásticos (38%), consumir menos electricidade (34%), consumir menos en xeral (29%), consumir enerxía ecolóxica (23%) e utilizar máis a miúdo a bicicleta en lugar do coche (19%).
Ante os resultados desta enquisa, a vicepresidenta do BEI e responsable do financiamento para a acción polo clima e o medio ambiente, Emma Navarro, manifestou que os cidadáns séntense facultados para loitar contra o cambio climático e están dispostos a adoptar medidas concretas en 2019. “As sinerxías entre o que unha institución pública como o BEI pode aportar en termos de instalacións respectuosas co clima (infraestrutura de reciclaxe de residuos, transporte público, enerxías verdes, etc) e o compromiso dos cidadáns de adoptar unha vida máis respectuosa co clima son enormes. En 2019, o BEI comprometeuse, máis que nunca, a manter o impulso en materia climática e a estreitar os seus lazos cos cidadáns”.
Fonte e imaxe: BEI
Saúdos, Departamento de Comunicación