- Un total de 50 familias participan na iniciativa logo da adhesión do Concello ao programa impulsado por esta empresa pública en Galicia
Cerceda, 31 de marzo de 2026.-Trala subministración de 50 composteiros ao Concello de Vila de Cruces (Pontevedra), que se sumou recentemente ao programa de compostaxe doméstica impulsado por Sogama en Galicia, técnicos da empresa pública instruíron aos veciños na operativa a seguir a fin de que poidan obter, a partir da materia orgánica depositada nos composteiro, un abono natural de alta calidade.
Durante unha sesión impartida en días pasados no local social da parroquia de Santo Tomé de Obra, e a través dunha presentación gráfica, trasladouse aos asistentes as tarefas a executar nas distintas fases do proceso, así coma os parámetros a controlar (osíxeno, temperatura e humidade), xa que o compost resultante, non só achega nutrientes ao solo, senón que mesmo o protexe fronte a pragas e enfermidades.
Tamén se aproveitou a ocasión para lembrar o que debe, e non debe, introducirse en cada un dos contedores de recollida selectiva, insistindo en que só se hai unha boa separación dos residuos en orixe, a reciclaxe será viable e, polo tanto, os seus beneficios medioambientais, económicos e sociais.
Igualmente, o encontro serviu para que os veciños trasladasen os seus comentarios e observacións, e consultasen dúbidas, moitas das cales se centraban en como evitar a presenza de moscas e mosquitos no recipiente de compostaxe.
Saúdos, Departamento de Comunicación